DÍA MUNDIAL SEN ALCOHOL
15/11/2021
A Asociación Renacer en colaboración co concello de Ribeira, con motivo da conmemoración o 15 de novembro, do Día Mundial Sen Alcohol, porá en marcha a campaña “Por 10 razóns”, de cara a sensibilizar á poboación en xeral, e á mocidade en particular, sobre as vantaxes de non consumir alcohol, intentando fomentar a responsabilidade individual e colectiva que todos temos como medio para previr e evitar o consumo abusivo que se fai desta substancia.
A campaña pretende facer fincapé en mensaxes concretas acerca dos beneficios que nos aportan o non consumir alcohol, en diferentes áreas das nosas vidas: a túa memoria e capacidade de aprender mellora, menos violencia, máis respecto, crearás relacións máis fortes cos amigos, familia e parella, haberá menos probabilidade de que probes outras substancias, terás sexo con sentido e consentido…
Para isto, deseñáronse diversos materiais que se distribuirán entre os centros de Saúde do concello e Hospital comarcal, asociacións e clubes deportivos e centros de ensino de secundaria dos concellos de Ribeira, Boiro e Porto do Son. Dándolle tamén difusión nas redes sociais da entidade.
Debemos ter presente a tolerancia social ó consumo de bebidas alcohólicas, presentes no día a día, no ocio e en todo tipo de celebracións, así como o consumo entre a mocidade e adolescentes son problemas a ter en conta máis aínda cando falamos dunha substancia aditiva que unha parte importante da poboación non recoñece como tal.
A cuestión é si cabe aínda máis preocupante se temos en conta que tanto os resultados dos estudos realizados a nivel nacional, como os obtidos a través do levado a cabo por esta asociación entre os xoves do noso municipio, amosan que o alcohol é a droga de maior consumo; un hábito que soe dar comezo en torno ós 13-14 anos, principalmente durante o fin de semana e coincidindo co tempo de lecer, cunha busca rápida e intencionada da embriaguez como forma de diversión.
Os motivos que lles impulsan a desenvolver este tipo de inxesta van dende a busca dos efectos psicoactivos do alcohol, ata percibir que o consumo mellora as relaciones cos demais, serve de evasión, é "útil" nas celebracións e momentos de festa, para integrarse no grupo de iguais, e para demostrar "que xa é adulto".
Está moi estendido o costume de beber en "atracón" , facer un consumo intensivo de alcohol nun curto espazo de tempo, sen plantexarse os posibles graves efectos que posteriormente poidan aparecer sobre a saúde física, psíquica e social, que ó non ter o completo o seu desarrollo aumenta a probabilidade de ser dependente do alcohol na idade adulta.
A todo isto hai que engadir que a falta de madurez psicolóxica, propia da adolescencia, dificulta o manexo de moitas sensacións e efectos que produce esta substancia. Diminúe a atención, a capacidade e o tempo de reacción e dificulta a toma de decisións.
Como consecuencia prodúcense actitudes violentas, agresións, alteracións das relacións familiares, cos amigos, profesores, problemas nos estudos, conductas de risco como o manexo de vehículos tras haber inxerido alcohol ou relacións sexuais non seguras que provocan embarazos non desexados ou enfermidades de transmisión sexual.