Día Mundial sen Alcohol
08/11/2013
O vindeiro venres 15 de novembro con motivo da conmemoración do “Día Mundial sen Alcohol”, a asociación Renacer organiza unha charla coloquio baixo o titulo “Mocidade e Alcohol” que será impartida por D. Genaro Gutierrez Fernández, médico de familia do centro de saúde de Poboa do Caramiñal e D. Jesús Cartelle Fernández, xefe do servizo municipal de drogodependencias de Riveira. A mesma desenvolverase a partir das oito e media da tarde no local do Ateneo Vale Inclán.
O alcol é a droga de maior consumo entre a poboación e, en particular entre os mozos e mozas. Este tipo de consumo, que adoita iniciarse contorna aos 13-14 anos, realízase principalmente durante o fin de semana e no tempo de lecer, cunha busca rápida e intencionada da embriaguez como método de diversión.
Os motivos que aducen para levar a cabo este tipo de inxesta son diversos e moitos non teñen que ver cos efectos directos da sustancia, senón con expectativas que se asocian ó consumo de alcohol e que se aprenden e se fomentan dende publicidade, os medios de comunicación, o grupo de iguais e a sociedade en xeral. Xeralmente están asociados cas relacións sociais (“ligar”, “coñecer a outra xente”, “vencer a timidez”, …), a propia imaxe (“parecer máis maior”, “non parecer aburrido”,… ), a importancia dos iguais (“é difícil ser o único que non o fai”, “sentirme unido os demais”, “dar unha boa imaxe” ...), a diversión (“sen beber non nos divertimos”, “desfrutar a tope”,…) facetas moi importantes na vida do adolescente.
Estendeuse o costume de beber en "atracón", facer un consumo intensivo de alcol nun escaso lapso de tempo, sen exporse os posibles graves efectos que isto poida ter sobre a súa saúde física, psíquica e social, ao non completarse o seu desenvolvemento, á vez que se aumenta a probabilidade de ser dependente do alcol na idade adulta.
A todo isto hai que engadir que a falta de madurez psicolóxica, propia da adolescencia, dificulta o manexo de moitas sensacións e efectos que produce esta sustancia. Diminúe a atención, a capacidade e o tempo de reacción e dificulta a toma de decisións.
Como consecuencia prodúcense actitudes violentas, agresións, alteracións das relacións familiares, cos amigos, profesores, problemas cos estudos, condutas de risco como a utilización de vehículos tras inxerir alcol ou relacións sexuais non seguras que provocan embarazos non desexados e enfermidades de transmisión sexual.