Día Mundial da SIDA

Día Mundial da SIDA

28/11/2022

Os novos datos de ONUSIDA (Programa Conxunto das Nacións Unidas sobre a SIDA) sobre a resposta mundial ó VIH revelan que durante os dous últimos anos da COVID-19 xunto con outras crises mundiais, o progreso contra a pandemia do VIH sufriu un descenso dos recursos e, como resultado, hai milleiros de vidas en risco.

Logo de catro décadas de resposta ó VIH, as desigualdades persisten nos servizos máis básicos, como o acceso ás probas de detección precoz, o tratamento e mesmo os preservativos. Unicamente un terzo das persoas dos grupos de poboación clave de risco teñen acceso regular á prevención, xa que estes grupos de poboación de risco enfróntanse a importantes barreiras legais, como a criminalización, discriminación e estigma social.

Por todo isto, un ano máis a Asociación antidroga Renacer únese á celebración do Día Mundial da SIDA o vindeiro 1 de decembro, para que non se esqueza a importancia da protección do VIH e outras ITS (Infeccións de Transmisión Sexual); para dita conmemoración elabourouse unha nova campaña baixo o lema: " Con quen queiras e cando queiras: Elixe o que queres compartir".

Deste xeito preténdese dar a coñecer como as ITS son infeccións que se poden adquirir con contactos sexuais vaxinais, anais ou buco-xenitais sen protección. Ditas infeccións facilitan a transmisión do VIH/SIDA e polas características destas infeccións moitas persoas descoñecen que están infectadas e polo tanto son transmisoras das mesmas.

Evitalas é moi doado, empregando SEMPRE e correctamente o preservativo nas prácticas sexuais vaxinais, anais e orais, xa que o preservativo (masculino e feminino) é a mellor maneira de previr as ITS.

Recoméndase ademais:

  • Falar coa parella sobre a vida sexual (non é cuestión de confianza senón de sexo seguro).
  • Acudir ó centro de saúde para unha revisión médica no caso de ter algunha práctica sexual de risco sen preservativo ou notar algún síntoma das ITS.