DíA MUNDIAL DA SIDA
01/12/2019
"Transmite Respecto" é o lema da campaña deste ano do Día Mundial da Sida, cuxo aniversario se celebra sempre o día 1 de decembro.
A campaña deste ano busca eliminar as barreiras ás que se enfrontan as persoas coa infección por VIH, entre elas a da discriminación.
O Día Mundial da Sida é unha xornada para concienciar á sociedade fronte á infección; e conta co apoio da Asemblea Mundial da Saúde, a Organización das Nacións Unidas para a SIDA (ONUSIDA) , gobernos, comunidades e persoas de todo o mundo.
Un dos obxectivos do Plan Estratéxico de Prevención e Control do VIH e outras ITS, prorrogado até 2020, é incrementar a información respecto da infección. Ademais, persegue fomentar habilidades que axuden a afrontar o posible estigma e discriminación das persoas que teñen a enfermidade.
Hai xusto un ano o Goberno, xunto a CCAA, asociacións e sociedade civil, expresou o seu compromiso coa eliminación de todas as barreiras para a prevención e tratamento do VIH coa presentación do Pacto Social pola Non Discriminación e a Igualdade de Trato asociada ao VIH.
O Goberno recollía así o desafío que supuxo a resolución da Asemblea Xeral de Nacións Unidas, aprobada en xuño de 2016, na que sinala claramente que facer fronte á discriminación e ao estigma é un elemento fundamental na resposta á infección.
Favorecer a igualdade de trato e de oportunidades das persoas con VIH; traballar en favor da aceptación social; reducir a estigmatización nas persoas con VIH; e xerar coñecemento que oriente as políticas e accións fronte á discriminación, son algunhas das liñas de actuación establecidas no Pacto Social para lograr os obxectivos marcados.
O Goberno asumiu o compromiso común e universal da Axenda 2030 para o desenvolvemento sustentable. A plasmación deste compromiso ten un horizonte temporal: pór fin á epidemia de VIH e sida en 2030.
FONTE: ONUSIDA