Día Internacional da Loita contra o Uso Indebido e o Tráfico Ilícito de Drogas
25/06/2015
Con motivo da celebración o vindeiro día 26 de xuño do Día Internacional da Loita contra o Uso Indebido e o Tráfico Ilícito de Drogas dende a Asociación Renacer levaremos a cabo na praza do concello, entre as doce da mañá e as dúas da tarde, actividades divulgativas, informativas e de sensibilización co obxectivo de contribuír á construción dun entorno máis saudable, onde non se promocione o consumo de ningún tipo de drogas, ofrecer á poboación xuvenil actividades de ocio gratuítas e animalos a disfrutar e compartir con outros xóvenes alternativas sas para divertirse e sacar proveito do seu tempo libre.
Para levalas a cabo colocaremos un stand informativo, no que se distribuirán diversos materiais de información preventiva relacionados coa celebración dese día, e resolveranse posibles dúbidas que os xóvenes poidan ter acerca das diferentes sustancias co obxecto de contrarrestar as informacións sesgadas que tenden a enxalzar as súas “bondades”, pero ocultan ou distorsionan os riscos derivados do seu consumo.
A xornada centrada especialmente na promoción dun ocio saudable, está dirixida ós xóvenes, pais, ou calquera persoa que necesite información específica sobre o tema.
A nosa intención é que os xóvenes nos digan en que ocupan o seu tempo de lecer, en que lles gustaría ocupalo e que botan en falta no noso entorno para poder levalo a cabo. Todas estas impresións se irán recollendo en papeis que se colgarán na praza do concello e posteriormente faranse chegar esta información aos responsables municipais para que, na medida do posible, dean resposta as peticións dos xóvenes.
Os pais tamén terán o seu oco de participación podendo plasmar nunha cartolina o que eles consideran debe ser un entorno libre de drogas mentres os máis pequenos o plasmarán pintando.
No transcurso da actividade tamén se invitará aos xóvenes que o desexen a participar en varios xogos de mesa.