Dependes da nicotina?
22/02/2011
Un estudo, elaborado polo equipo do profesor da Universidade de Santiago de Compostela Elisardo Becoña, recolle un test de seis breves preguntas a través das cales pode saber un fumador/a se é dependente da nicotina.
Para que un fumador/a saiba se é dependente da nicotina ou non, abonda con que responda a seis preguntas. Desta forma, e a través dunha escala elaborada polo equipo do profesor Elisardo Becoña, que dirixe a Unidade de Tabaquismo da Universidade de Santiago de Compostela, pódese ter acceso unha información que o experto considera de gran relevancia á hora de elixir o tratamento máis adecuado para cada paciente.
Neste sentido, cabe sinalar que as persoas non dependentes da nicotina poden deixar de fumar sen esforzo, o que sucede co 37% dos actuais fumadores/as en Galicia, segundo o profesor Becoña.
No entanto, no caso dos/as dependentes, aínda que algúns/as son capaces de deixar o hábito de fumar por si sos/as, outros necesitan axuda ou xa nin sequera se expoñen a idea de deixalo.
A Escala Breve de Avaliación da Síndrome de Dependencia da Nicotina en fumadores/as españois acaba de publicarse na revista Psicothema. O artigo recolle o test do seis preguntas breves, a través das cales se pode saber nun minuto se un fumador/a é dependente da nicotina, seguindo os actuais criterios diagnósticos para este trastorno.
Para a elaboración do devandito estudo, o equipo dirixido polo profesor Becoña realizou unha mostra de 1.601 fumadores/as, procedentes do cinco centros de atención primaria de Galicia, Madrid, Andalucía, da Unidade de Tabaquismo da Facultade de Psicoloxía da USC e da Unidade de Condutas Aditivas de Ourense.
A escala de Becoña é o desenvolvemento doutra máis ampla, elaborada polo doutor Shiffman da Universidade de Pensilvania, con quen o equipo da USC colabora desde hai anos. Unha escala que neste momento está considerada como o método internacional con mellor funcionamento do que se dispón para avaliar a dependencia da nicotina.
Neste sentido, cabe destacar que o estudo levado a cabo na USC desenvolve unha escala curta que ten, segundo resaltaron os seus responsables, un bo funcionamento psicométrico (unha excelente fiabilidade) e unha boa capacidade predictiva.
As seis preguntas
- Tendo a evitar os restaurantes onde non se permite fumar, mesmo aínda que me guste a súa comida.
- Comparado con cando empecei a fumar, necesito fumar moito máis agora para conseguir o mesmo efecto.
- Tras pasar un tempo sen fumar, necesito facelo para non sentirme mal.
- Cando realmente desexo un cigarro, parece que estou baixo o control dalgunha forza descoñecida que non podo dominar.
- Sempre que estou sen fumar durante algunhas horas, sinto unhas ganas moi fortes de facelo.
- Despois de estar un tempo sen fumar, necesito facelo para aliviar as sensacións de inquietude e irritabilidade.
FONTE: AS DROGAS INFO