Dende o ámbito sanitario avogase por previr o alcoholismo para evitar o “botellón”
10/02/2012
Médicos/as e psiquiatras manteñen que prohibir o consumo de alcol non solucionará o problema e piden “traballo previo” antes da ordenanza de convivencia cívica proposta polo goberno municipal de Foro Asturias.
Previr e educar antes que prohibir. Esa é a máxima que se expuxo como solución ao “botellón”, dende o ámbito sanitario expúxose a súa postura ante a mesa na que estes días se debate a nova ordenanza da convivencia cívica que presentou o equipo de goberno de Foro Asturias e na que se inclúen, entre outras moitas propostas, a de prohibir o consumo de alcol na vía pública”.
"É necesario facer un traballo previo antes de prohibir, para que os mozos/as que van ser os/as protagonistas disto entendan e acepten a norma”, aseguraba tras o encontro o psiquiatra Eduardo Carreño facendo fincapé na necesidade de pór en marcha “accións preventivas”.
Neste mesmo sentido manifestábase José Ramón Hevia, o que na pasada lexislatura fose responsable do plan de drogas de Asturias. Hevia aproveitou a súa intervención para pór sobre a mesa os primeiros datos dunha enquisa que xa ten elaborada a Consellería de Saúde do Principado de Asturias: “Observamos que na última década baixou o número de mozos/as entre os 12 e os 14 anos que consome alcol, pero tamén é verdade que aumentou o número dos adolescentes que se exceden co alcol e se emborrachan”. Hevia, como Carreño, aposta pola educación para solucionar un problema “no que tamén se teñen que implicar os pais/nais e a comunidade educativa». Para o experto o consumo de alcol non se pode asociar só ao “botellón” xa que, asegura, “os mozos/as poden beber tamén noutros sitios”. Diego Pidal, médico de urxencias do Hospital de Cabueñes, engadiu datos estatísticos a esta preocupante problemática. Segundo o doutor no centro médico máis importante de Xixón aténdese cada fin de semana “a dous ou tres menores” que presentan unha intoxicación etílica grave. Case ningún deles repite experiencia. “Fálase cos pais/nais e concienciáselles do problema, pero hai que ter moi en conta tamén que en ocasións se producen policonsumos importantes”, concluíu o médico.
María Peláez, técnico de atención primaria en drogas, mantén que o máis preocupante do problema son os consumos que empezan aos 12 anos. Peláez foi a encargada de expor ante os representantes dos diferentes partidos políticos, forzas de seguridade e asociacións os problemas médicos que poden sufrir os mozos/as adictos á bebida “que poden chegar a desenvolverse peor”.
As reunións con expertos/as continuarán durante as próximas semanas para chegar até a aprobación definitiva da ordenanza. Nuns días, a comisión de seguimento atenderá o que expoñan técnicos/as ou responsables educativos, para dar paso na cuarta reunión, prevista para dentro de dúas semanas, aos especialistas en lecer xuvenil. Por último, empezarase o debate cidadán da ordenanza e abrirase o período de emendas antes da aprobación definitiva da normativa, que, como toda regulación, terá que contar cun prazo de consulta pública e de alegacións.
A ordenanza de convivencia cívica proposta polo goberno municipal de Foro Asturias prevé multas para quen consuman alcol en lugares da vía pública non habilitados para iso. Na regulación municipal tamén se establecen outras prohibicións como exercer a prostitución ou a mendicidade con actitudes que molesten ao cidadán. Foro asegura que a ordenanza é só “un borrador” a debater.
FONTE: As Drogas Info