COVID -19 E O ALCOHOL
22/05/2020
Para afrontar a pandemia do COVID-19 (a nova enfermidade causada polo coronavirus), todos e todas debemos adoptar medidas para deter a súa propagación. Por iso, nestas circunstancias críticas, é esencial que toda a poboación estea informada correctamente sobre todos os riscos e perigos para a saúde, coa finalidade de manternos saudablemente.
Por todo isto, dende a nosa asociación queremos, unha vez mais, aportar a nosa axuda abordando un tema que nos preocupa: A información errada e a gran cantidade de bulos que están a circular polas redes sociais e outra canles de información acerca do alcohol e o coronavirus.
Lembremos en primeiro lugar que as bebidas alcohólicas non son un compoñente imprescindible da alimentación, polo que non deberían ser unha prioridade na lista da compra; así mesmo o consumo das mesmas non axuda a afrontar o estrés nin as situacións que poidan xerar certa ansiedade e/ou temor como o que poidamos percibir ante situacións novas e impredecibles.
Pola contra o consumo de alcohol aumenta os síntomas de ansiedade, angustia e depresión, ademais do risco que conleva de violencia doméstica e intrafamiliar (a cal aumentou nestes últimos meses)
DESMENTINDO MITOS
Debemos ter en conta que o consumo excesivo de alcohol aumenta considerablemente o risco do Síndrome de Dificultade Respiratoria Aguda (SDRA), unha das complicacións máis graves do COVID-19. Entón é un absurdo considerar que o seu consumo beneficie nalgún aspecto; imos tratar de desmentir con explicacións científico-médico razoadas algúns deses mitos que se estiveron difundindo.
MITO
O consumo de bebidas alcohólicas destrúe o virus que causa o COVID-19.
REALIDADE
O consumo de bebidas alcohólicas non só NON destrúen o virus senón que aumenta os riscos para a saúde se a persoa contrae o virus. O alcohol (nunha concentración do 60% en volume) actúa como desinfectante na pel, pero carece de tal efecto no interior do noso organismo.
MITO
Ao consumir bebidas alcohólics de alta graduación é posible matalo virus no aire inhalado.
REALIDADE
O consumo de bebidas de alta graduación non mata o virus no aire inhalado; nin se desinfecta a boca nin a gorxa; nin tampouco se obterá protección algunha contra o COVID-19.
MITO
As bebidas alcohólicas como a cervexa, viño ou licores de herbas; estimulan a inmunidade e a resistencia fronte ao virus.
REALIDADE
Todas as bebidas alcohólicas de alta e baixa graduación, son nocivas para o noso sistema inmunitario; polo tanto en ningún momento van estimular a nosa inmunidade.
Sen embargo, o que si fortalece o noso sistema inmunitario é a actividade física.
FONTE: Organización Mundial da Saúde (OMS)