CONSUMO INTENSIVO DE ALCOHOL NA ADOLESCENCIA E ANOMALÍAS CEREBRAIS

Cerebro-alcohol

12/04/2022

Un equipo de investigadores da USC (Universidade de Santiago de Compostela), revisaron un total de 33 estudos de neuroimaxe para observar os cambios estruturais e as diferenzas de xénero. 

Distintos estudos internacionais amosan que o alcohol é unha das drogas máis dispoñíbles e consumidas entre adolescentes e adultos novos en todo o mundo. Entre os diversos patróns, o consumo intensivo está xerando unha forte preocupación tanto na comunidade científica como na sociedade polas súas consecuencias.

O consumo intensivo de alcohol defínese como o consumo de cinco ou máis bebidas estándar para os homes, catro ou máis para as mulleres, no transcurso de dúas horas. Este patrón adoita iniciarse en idades temperás polo seu carácter lúdico, a baixa percepción de risco e as expectativas positivas da inxesta de alcohol. Enquisas europeas amosan que arredor do 34% dos estudantes de entre 15 e 16 anos afirman ter realizado este patrón de consumo de alcohol durante o mes anterior, o que supón unha gran preocupación especialmente por ter lugar nun período no que o cerebro aínda está pasando por un proceso de desenvolvemento, sendo máis sensibles aos efectos neurotóxicos do alcohol.

Precisamente, con respecto a estes efectos negativos do consumo intensivo de alcohol durante a adolescencia e primeira etapa adulta distintos estudos sinalan afeccións no control executivo e a memoria verbal, así como problemas de conduta (como pode ser conducir baixo os efectos do alcohol), prácticas sexuais inseguras, diminución do rendemento académico e un maior risco de desenvolver trastornos polo consumo de alcohol na idade adulta.

Os investigadores fixeron unha busca exhaustiva nas bases de datos de Pubmed e Web of Science dos artigos publicados entre o 1 de xaneiro do ano 2000 e o 31 de decembro de 2020. Entre os atopados, só se incluíron aqueles estudos nos que o grupo de bebedores comprendía participantes cun consumo intensivo, así como aqueles que avaliaron as consecuencias deste consumo nunha poboación nova sa que non experimentara ningún historial de trastornos por uso de substancias.

Entre os resultados incluídos na revisión realizada polos investigadores da USC, existen algúns patróns que relacionan o consumo intensivo de alcohol con anomalías cerebrais. No que respecta á materia gris, observáronse cambios tanto no volume como no grosor das estruturas corticais e subcorticais. Tamén hai evidencias de anomalías na conectividade en rexións asociadas ao procesamento de recompensas e os procesos de control inhibitorio.

A nivel funcional, este patrón de consumo intensivo está relacionado con anomalías na resposta neuronal asociada con todos os procesos avaliados a través dunha variedade de tarefas. Aínda que a dirección dos descubrimentos non está clara, os patróns máis comúns observados foron a hiperactivación de áreas cerebrais como a ínsulta e o recrutamento de áreas adicionais.

Os 33 estudos incluídos na análise contaban con mostras formadas por homes e mulleres. Con todo, só nove deles avaliaron a influencia do xénero nos resultados de neuroimaxe, estabelecendo diferenzas na afectación das distintas zonas do cerebro, o cal amosa a necesidade de incluir a perspectiva de xénero nos diferentes estudos con máis profundidade.

FONTE: GCiencia.