Confirman que a marihuana deteriora a capacidade cerebral

Radiografía do cerebro

30/08/2012

O uso de marihuana, especialmente entre adolescentes, reduce as funcións cognitivas. O uso persistente de marihuana, particularmente entre adolescentes, deteriora significativamente e de forma irreversible as funcións cerebrais, afirma un estudo.

A investigación, unha das máis amplas que se levaron a cabo sobre este vínculo, seguiu durante máis de 20 anos a un grupo duns 1.000 mozos/as en Nova Zelandia. O equipo internacional de investigadores/as atopou que os/as que comezaran a usar marihuana antes de cumprir os 18 anos -cando o seu cerebro estaba aínda desenvolvéndose- mostraban unha redución "significativa" no seu coeficiente intelectual.

O estudo, dirixido pola profesora Madeline Meier da Universidade de Duke, en Carolina do Norte, Estados Unidos, analizou o impacto do uso de marihuana en varias funcións neuropsicolóxicas de 1.037 individuos nados entre 1972 e 1973.

Os científicos/as seguiron aos participantes ata que cumpriron 38 anos. Levaron a cabo estudos cando eran nenos/as, antes de que empezasen a usar a droga, e posteriormente entrevistándoos de forma continua. Para obter os resultados os investigadores/as tomaron en conta factores como dependencia de alcol ou tabaco, uso doutras drogas e o número de anos en educación.

Atoparon que os participantes que usaran persistentemente marihuana mostraban unha "ampla deterioración" en varias áreas neuropsicolóxicas, como funcionamento cognitivo, atención e memoria.

Os individuos que usaban a droga de forma persistente -que a fumaron polo menos catro veces á semana ano tras ano durante a súa adolescencia, os seus 20 anos e, nalgúns casos, os seus 30 anos- mostraron unha redución no seu coeficiente intelectual (CI).

Cando máis fumaba o individuo, maior a perda no CI, din os científicos/as. E o efecto foi máis marcado naqueles que comezaban a fumar marihuana sendo adolescentes.

Por exemplo, os investigadores/as atoparon que os que comezaran a usar a droga na adolescente e seguiron usándoa durante anos mostraron unha redución media de oito puntos no CI. E o dano era irreversible. Ao deixar de usala ou reducir o seu uso non lograron restaurar completamente a súa perda de CI.

Deterioro evidente

O estudo, publicado en Proceedings of the National Academy of Sciences, Actas da Academia Nacional de Ciencias, di que "o uso persistente de marihuana durante 20 anos estivo asociado cunha deterioración neuropsicolóxica, e a maior deterioración era máis evidente entre os usuarios/as persistentes".

"Colectivamente, estes resultados son consistentes coa especulación de que o uso de marihuana na adolescencia, cando o cerebro atravesa o seu desenvolvemento crítico, pode ter efectos neurotóxicos", din os autores/as.

A profesora Terrie Moffitt, do Instituto de Psiquiatría do King's College de Londres, quen participou no estudo, afirma que estes resultados teñen un impacto significativo no noso entendemento dos perigos do uso de marihuana.

"Esta investigación requiriu un extraordinario esforzo científico", explícalle a científica á BBC. "Seguimos a case 1.000 participantes, analizamos as súas capacidades mentais sendo nenos antes de que usasen marihuana e analizámolos posteriormente 25 anos máis tarde, cando algúns dos/as participantes convertéronse en usuarios/as crónicos/as".

"Os/as participantes foron honestos sobre abuso da sustancia porque confiaron na nosa garantía de confidencialidade, e 96% dos/as participantes orixinais continuaron no estudo desde 1972 até agora".

A científica agrega que "é un estudo tan especial que agora podo dicir con seguridade que a marihuana é segura para os cerebros maiores de 18 anos, pero é perigosa para os/as menores de 18 de anos".

Pola súa banda Robin Murray, profesor de psiquiatría do King's College de Londres, que non participou na investigación, coméntalle á BBC que o estudo é "unha investigación extraordinaria". "Este é probablemente o grupo de individuos que foi máis intensamente estudado no mundo e, por tanto, os datos son moi bos".

"Hai moitos informes anecdóticos de que os usuarios de marihuana tenden a ser menos exitosos nos seus logros educativos, matrimonios e ocupacións". "Este estudo ofrece unha explicación de porqué pode ocorrer". "Sospeito que estes resultados son verdadeiros. E será moi importante replicalos para poder iniciar campañas públicas de educación para a xente coñeza estes riscos", agrega o experto.