Cea Benéfica 25 Aniversario
23/10/2015
O vindeiro día sete de novembro terá lugar a nosa cea benéfica anual na que este ano, ademais, conmemoramos o noso 25 aniversario.
Desde a constitución no ano 1990, a Asociación Renacer pretendeu manter unha liña innovadora nas súas estratexias e programas, apostando pola prevención e inserción dos riscos das drogas mediante actuacións no ámbito da educación formal e informal en todos os niveis: escola, familia e comunidade.
Precisamente agora, 25 anos despois, o obxectivo da cea é recadar fondos para poder continuar co desenvolvemento dos programas e servizos que esta entidade ten en funcionamento posto que, por mor da crise que o noso país vén atravesando nos últimos anos, seguimos sufrindo importantes recortes nas subvencións que percibimos, o que dificulta en gran medida o noso funcionamento.
A cea terá lugar no Restaurante Baiuca sito no lugar de Goda en Artes, as nove e media da noite o sábado 7 de novembro. Para elo, os/as que o desexen poden adquirir unha entrada no local social da asociación situado na rúa Agustín Fernández Oujo número 15 A, entrechán; na farmacia Fernández de Sanmamed ou facendo un ingreso na conta que a entidade ten en Abanca (Ref. Cea Benéfica). O prezo da mesma é de 35 € por persoa.
Tamén se pode colaborar comprando algunha rifa para o sorteo que se celebrará durante a cea ou, se se trata dun establecemento comercial, doando algún artigo para o sorteo. Para facer unha doazón ou facerse socio poden pórse en contacto connosco chamando ao 981 87 40 86 ou achegándose ao local social, en horario de 9 a 14:00 horas.
Agradecemos de antemán todo o apoio e colaboración que nos poidan prestar.