Cea Benéfica

Cartel informativo

06/11/2014

A Asociación Renacer celebrará o vindeiro 29 de novembro a súa tradicional Cea Benéfica. O obxectivo da mesma é recadar fondos para continuar co desenvolvemento dos programas de prevención e inserción social das drogodependencias, que esta entidade ten en funcionamento desde hai vinte e dous anos.

A realidade que estamos a vivir nestes últimos anos é como dende a administración pública está a desmantelarse unha rede de traballo que foi referente a nivel europeo no campo da asistencia, prevención e reinserción das drogodependencias.

O argumento de que o investimento en prevención era prioritario para evitar custos sociais e sanitarios no futuro xa non está na axenda da administración o que desemboca no peche de entidades, desaparición de determinados programas, inexistencia de materiais, reducións de persoal, dificultades económicas das entidades que “sobreviven” , …. .

Por este motivo consideramos que agora máis que nunca é preciso pór en práctica valores como a solidariedade e o compromiso social e por iso convidamos á poboación a participar na nosa Cea Benéfica.

A cea terá lugar no Restaurante Baiuca sito no lugar de Goda en Artes, as nove e media da noite o sábado 29 de novembro. Para elo, os/as que o desexen poden adquirir unha entrada no local social da asociación situado na rúa Agustín Fernández Oujo número 15 A, entrechán; na farmacia Fernández de Sanmamed ou facendo un ingreso na conta que a entidade ten en Abanca (Ref. Cea Benéfica). O prezo da mesma é de 35 € por persoa.

Tamén se pode colaborar comprando algunha rifa para o sorteo que se celebrará durante a cea ou, se se trata dun establecemento comercial, doando algún artigo para o sorteo. Para facer unha doazón ou facerse socio poden pórse en contacto connosco chamando ao 981 87 40 86 ou achegándose ao local social, en horario de 9 a 14:00 horas.

Agradecemos de antemán todo o apoio e colaboración que nos poidan prestar.

“Non te preguntes que pode facer a túa comunidade por ti, senón que podes facer ti pola túa comunidade”.