Cea Benéfica

Cartel informativo

18/10/2013

A Asociación Renacer celebrará o vindeiro 30 de novembro a súa tradicional Cea Benéfica. O obxectivo da mesma é recadar fondos para continuar co desenvolvemento dos programas de prevención e inserción social das drogodependencias, que esta entidade ten en funcionamento desde hai vinte e dous anos.

Estes programas, dirixidos á promoción de hábitos saudables e especialmente á prevención das drogodependencias e do VIH-SIDA nos ámbitos escolar, familiar e comunitario, poden chegar a desaparecer nun futuro próximo.

Os continuos recortes orzamentarios aplicados pola Consellería de Sanidade nestes anos (un 25% dende o ano 2010); a incerteza acerca do que ocorrerá en 2013 (polo de agora descoñecemos a contía pero existe un novo recorte do 24,7% con respecto ao orzamento do ano pasado na partida orzamentaria e a subvención terá carácter plurianual, en vez de anual como ata agora viña sendo), e o atraso no pago das subvencións concedidas que se van concedendo, están levando á Asociación Renacer a unha situación extrema.

Estamos na corda frouxa. As profesionais da entidade levan varios meses sen recibir ao seu salario, e é probable que nos vexamos forzados a despedir a unha delas. A isto únese o feito de que a falta de liquidez fai que resulte especialmente difícil afrontar os gastos correntes.

Renacer leva traballando, en colaboración que Consellería de Sanidade e a Deputación Provincial, máis de vinte anos sempre co argumento de que o investimento en prevención era prioritaria para evitar custos sociais e sanitarios no futuro. Sen embargo, o Plan de Trastornos Aditivos 2011-2016 que elaborou a Xunta de Galicia presenta moitas ambigüidades e non concreta os obxectivos de actuación, nin as medidas para logralos, nin os recursos necesarios para o desenvolvemento e, moito menos, un compromiso económico para o mantemento dos recursos existentes.

A realidade que estamos a vivir nestes últimos anos é como desde a administración pública está a desmantelarse unha rede de traballo que foi referente a nivel europeo no campo da asistencia, prevención e reinserción das drogodependencias. Reducións orzamentarias, limitacións á hora de dispor de materiais, supresión dalgúns programas e peche de entidades é no que desembocou toda esta situación.

Por este motivo consideramos agora que máis que nunca é preciso pór en práctica valores como a solidariedade e o compromiso social e por iso convidamos á poboación a participar na nosa Cea Benéfica. Terá lugar no Restaurante Baiuca sito no lugar de Goda en Artes, as nove e media da noite o sábado 30 de novembro.

Para elo, os/as que o desexen poden adquirir unha entrada no local social da asociación situado na rúa Agustín Fernández Oujo número 15 A, entrechán; na farmacia Fernández de Sanmamed ou facendo un ingreso na conta que a entidade ten en NovacaixaGalicia Banco (Ref. Cea Benéfica). O prezo da mesma é de 35 € por persoa.

Tamén se pode colaborar comprando algunha rifa para o sorteo que se celebrará durante a cea ou, se se trata dun establecemento comercial, doando algún artigo para o sorteo. Para facer unha doazón ou facerse socio poden pórse en contacto connosco chamando ao 981 87 40 86 ou achegándose ao local social, en horario de 9 a 14:00 horas.

Agradecemos de antemán todo o apoio e colaboración que nos poidan prestar.