Campaña de promoción de hábitos saudables: Dorna 2015

Cartel da campaña

16/07/2015

A Asociación Renacer de Riveira e a Real Cofradía  da Dorna colaboran de novo este ano na promoción de hábitos saudables durante o desenvolvemento das festas que terán lugar entre o 17 e o 24 de xullo, co desenvolvemento dunha campaña centrada na prevención de embarazos non desexados, VIH e outras enfermidades de transmisión sexual.

A mesma neste caso compleméntase con outra encamiñada a moderar o consumo de alcol unha sustancia que, cando se inxire de forma compulsiva, adoita ir acompañada dunha relaxación nas medidas de protección á hora de manter relacións sexuais.

Para levalas a cabo deseñáronse uns carteis, que inclúen un decálogo sobre consumo responsable de alcol e uns porta-preservativos con instrucións especificas, acerca dun correcto uso dos mesmos e das enfermidades que preveñen. En todos os días que dure a Dorna repartiranse 2160 preservativos nos “chiringuitos” dorneiros e bares. Respecto da cartelaría a pretensión é que permaneza exposta máis aló da festa como un punto informativo máis. O labor centrado na promoción de hábitos saudables desenvolvida estes días vén ser unha continuación da levada a cabo pola asociación Renacer nos meses anteriores coa poboación xuvenil, coincidindo co curso escolar.