BENESTAR ADOLESCENTE

Adolescencia e benestar

30/04/2024

A adolescencia non é só unha viaxe física, senón tamén emocional, polo que abordar os desafíos da saúde mental require sensibilidade, intervención precoz e soporte integral para garantir os apoios e recursos necesarios.

A OMS (Organización Mundial da Saúde) define a adolescencia como o período de crecemento que se produce despois da nenez e antes da idade adulta, entre os 10-19 anos. Esta etapa ten un importante valor adaptativo, funcional e decisivo por iso o feito de non ocuparse dos trastornos da saúde mental na adolescencia ten consecuencias que se extenden á idade adulta, perxudicando a saúde física e mental da persoa adolescente e restrinxindo as posibilidades de levar unha vida plena no futuro.

A  etapa da adolescencia ten mala prensa, socialmente soe verse como un período complicado xa que en moitas ocasións trátase dende o medo, etiquetándose como problemáticos/as, sen decatarse que se está rodeando dita etapa de prexuizos. Según a OMS, un de cada 7 mozos e mozas sofre algún trastorno mental, representando o 13% da carga mundial de morbilidade (proporción de persoas que enferman nun sitio e tempo determinado neste grupo de idade).

PRINCIPAIS DESAFÍOS NA SAÚDE MENTAL NA ADOLESCENCIA

  • Trastornos emocionais: a adolescencia pode ser un terreo propenso para os trastornos emocionais como o estrés, ansiedade, angustia e depresión. O aumento das responsabilidades e das expectativas pode conducir a niveis elevados de angustia e ansiedade, por iso as estratexias que permitan xestionar este estrés poden ser elementos clave para abordade estas cuestións.

  • Trastornos do comportamento e conduta alimentaria: a autoaceptación e presión social poden contribuír ós trastornos do comportamento alimentario, como a anorexia e bulimia nerviosa. Tamén o trastorno por déficit de atención con hiperactividade (TDAH) e o trastorno disocial afectan ás persoas na adolescencia.

  • Condutas de risco: na adolescencia, a miúdo, comezan con comportamentos de risco como o consumo de substancias ou prácticas sexuais de risco.

  • Suicidio: ocupa o cuarto lugar como causa de morte nos adolescentes maiores de 15 anos.

Ante este escenario, as intervencións de promoción de saúde mental na adolescencia perseguen reforzar a súa capacidade para regular as emocións, promover alternativas a comportamentos de risco, desenvolver resiliencia para xestionar situacións difíciles e garantir entornos favorables.

FONTE PROPIA