Aumentan os casos de sífilis porque os mozos e mozas usan menos o preservativo

Preservativo

25/11/2011

O número de casos de persoas afectadas por sífilis aumentou un 16 por cento e fíxoo fundamentalmente porque a mocidade está a “relaxarse”no uso do preservativo, por iso é polo que a comunidade médica aconséllalles que “non baixen a garda” cando realicen prácticas de risco.

Esta é unha das conclusións da “Guía de Boa Práctica Clínica en Infeccións de Transmisión Sexual”, presentada pola Organización Médica Colexial (OMC) e realizada por dez especialistas en medicina familiar, epidemiolóxica, dermatoloxía e venereoloxía.

En 2010 contabilizáronse 2.909 casos de sífilis (5,56 por 100.000 habitantes), un 16% máis que en 2009, cando se detectaron 2.506. Canarias, Madrid e Asturias foron as comunidades autónomas que rexistraron máis casos.

O perfil destes/as pacientes responde na súa maioría ao de mozos con prácticas homosexuais ou heterosexuais que mantiveron contactos coa prostitución ou usuarios/as de drogas.

España está a ser centro de acollida de prostitución de países do Leste de Europa, África ou Centroamérica, as zonas con maiores taxas de sífilis, segundo explicou a doutora Ángeles Herrera, e de aí en parte que se incrementaron os casos.

A sífilis transmítese por contacto sexual directo cunha persoa nun estadio precoz da enfermidade, unha patoloxía que en moitos casos está asociada de forma concomitante coa infección por VIH: un/ha de cada cinco que acode con sífilis ten SIDA.

Con todo, o número de infectados/as de SIDA diminuíu, un feito que se explica, segundo Herrera, porque hai persoas que están infectadas de VIH, pero non están rexistradas ao non ter conciencia diso.

Ante esta situación, os/as especialistas recomendan ás persoas que tiveron un resultado negativo na proba de VIH nunha primeira fase, vólvana a repetir pasados tres meses, porque neste período de tempo hai “falsos negativos”. “Pasados ese tres meses é moi difícil que xa haxa falsos negativos, pero nunha primeira fase inicial, se a proba faise moi pronto si pode haber un falso negativo”, incidiu.

Por iso, a guía aconsella aos médicos de atención primaria que ordenen realizar sempre a proba da SIDA aos pacientes que cheguen cunha infección de transmisión sexual.

Ante a vinculación entre a sífilis e o VIH, os médicos/as, piden que se volvan a pór en marcha campañas de prevención da SIDA, nas que se aconsellaba o uso do preservativo, porque cando se desenvolveron diminuíron os casos de infeccións de transmisión sexual.

A guía da OMC pretende ser un manual de referencia actualizado para os médicos/as de atención primaria para que poidan realizar un diagnóstico rápido deste tipo de infeccións, que constitúen un dos principais factores de risco para a infección por VIH.

Pero non é fácil chegar a un diagnóstico certeiro dunha infección de transmisión sexual porque moitas delas, especialmente nas mulleres, cursan de forma asintomática, segundo a doutora Lola Sánchez.

Na actualidade, segundo a OMC, a sífilis é frecuente en España e superou á gonorrea, na que houbo unha estabilización dos casos notificados, incluso un lixeiro descenso: o ano pasado rexistráronse 1.944 fronte aos 1.954 de 2009.

Ademais da sífilis, tamén aumentou a infección polo virus do papiloma humano, cuxa forma de presentación é unha formación rugosa e é a responsable de diversas complicacións como o carcinoma de cérvix e diversos carcinomas xenitais. Os/as especialistas lembran que na actualidade existe vacinación contra esta infección, que nalgunhas comunidades é gratuíta para as mozas de 12 a 14 anos.

 

FONTE: A VOZ DE GALICIA