AS PERSOAS QUE O DEIXAN GAÑAN SAÚDE

Día Mundial sen Tabaco

28/05/2021

O tabaco causa 8 millóns de mortes cada ano, a evidencia científica publicada ó longo deste ano amosa que as persoas fumadoras teñen unha maior probabilidade de desenvolver enfermidades severas con COVID-19, probabilidade moito máis alta ca aquelas persoas que non son fumadoras.

A poboación de fumadores ten un maior risco de contraer coronavirus porque levan a miúdo as mans á boca e, posteriormente, se chegan a adquirila infección corren maiores riscos de presentar casos graves de COVID-19,  porque a súa función pulmonar está afectada; a función pulmonar vese afectada co hábito de fumar porque as persoas fumadoras presentan reduccións que varían entre un 2%- 16% nos indicadores espirométricos, as cales suxiren unha afectación temperá da capacidade dos pulmóns para movilizar o aire polas vías aéreas.

Deixar de fumar hoxe pode reducir estos riscos  e facer que se poida vivir de xeito máis saudable, ainda que deixar este hábito pode ser todo un desafío, sobre todo na situación actual que se está experimentando co estrés social e económico derivado da pandemia, pero a pesares de todo, hai milleiros de razóns para deixar este hábito tan prexudicial. Preto de 780 millóns de persoas en todo o mundo afirman que teñen intención de deixalo tabaco, pero tan só o 30% destas teñen acceso ás ferramentas que lles poden servir de axuda e guialas neste proceso. Por todo isto, a Organización Mundial da Saúde (OMS) xunto cos seus asociados pon a disposción de tódalas persoas que o desexen as ferramentas e recursos que precisan para levar a cabo con éxito a súa tentativa de abandoar o consumo de tabaco; o seu obxectivo é proporcionar consellos e información para mellorar a disposición das persoas fumadoras para deixalo hábito e axudar tamén a aquelas que xa están preparadas e planificar o seu intanto.

Non cabe dúbida que os beneficios que aporta deixar de fumar son practicamente inmediatos, entre eles os seguintes:

  • logo de 20 minutos despois de deixar de fumar diminúe o ritmo cardíaco.
  • dentro das seguintes 12 horas, o nivel de monóxido de carbono no sangue diminúe ata acadar valores normais.
  • entre 2-12 semanas, mellora a circulación e aumenta a función pulmonar.
  • de 1 a 9 meses, diminúen a tose e a dificultade para respirar.
  • nun ano, o risco de cardiopatía coronaria redúcese nun 50% con respecto ás persoas fumadoras.
  • logo de 10 ano, o risco de padecer cancro de pulmón diminúe ata a metade.

A continuación, proporciónase o enlace para que poidan acceder a esta guía a cal inclúe, entre outros aspectos, os seguintes: 

* Como prepararse para deixar de fumar.

* Como planificar e facelo intento de deixar de fumar.

* Recursos locais de apoio para abandoalo tabaco.

https://iris.paho.org/bitstream/handle/10665.2/52141/9789275321805_spa.pdf?sequence=1&isAllowed=y

FONTE: Organización Mundial da Saúde.