As persoas con adicción aos videoxogos teñen os mesmos síntomas que as que padecen un trastorno de drogodependencia

Persoa cun ordenador

19/09/2012

A adicción aos videoxogos presenta síntomas psicolóxicos “parecidos”" aos que sofren as persoas con problemas de alcoholismo e drogodependencia. Así o asegurou a Europa Press o membro do Colexio de Psicólogos de Madrid e experto en adiccións, José Antonio Molina, que indica que esta sintomatoloxía “compártena case todas as adiccións”.

Algúns destes síntomas son "a dificultade para conciliar o soño pola sobreactivación do cerebro ou pola síndrome de abstinencia", sostén. Sobre este último, o especialista lembra que está ligado a “ ansiedade, irritabilidade e ira”.

No entanto, Molina especifica que o consumo de sustancias aditivas provoca no organismo situacións que non ocorren na adicción ás novas tecnoloxías. Neste sentido, e como exemplo, asegura que a retirada do alcol xera nos alcohólicos/as “efectos como “delirium tremens” ou tremores”, algo que non pasa nos consumidores/as “enganchados/as” aos videoxogos.

Con todo, o experto aclara que se estes produtos se usan de maneira lúdica, “poden ser un complemento máis ás diferentes áreas da vida das persoas”. O problema, ao seu xuízo, créase “se se ten unha dependencia”, xa que esta persoa cada vez terá que xogar durante máis horas. “Empezará a interferir nas súas tarefas vitais”, apostila.

Problemas académicos

Deste xeito, Molina sintetiza que se considera adicción cando esta ten consecuencias negativas “e, aínda así, séguese repetindo esta conduta”. Por iso, sinala que ”se pasan seis meses ou un ano pódese falar de que se ten un problema”.

No caso concreto dos menores, estes “comezarán a relacionarse menos cos seus amigos/as, a floxear nos estudos e a estar menos comprometidos a nivel familiar”, indica o colexiado. Ademais, producirase “unha perda de control”, que provocará que o que en principio era estar un intre a soas, “leve a moito máis tempo e á desatención doutras actividades”, lamenta.

En canto ás persoas máis susceptibles a converterse en adictos ás novas tecnoloxías, Molina destaca a dous tipos de personalidades: as susceptibles e as que teñen unha menor capacidade para anticipar consecuencias futuras. Con todo, tamén considera candidatos/as a esta adicción aos cidadáns con déficit en habilidades sociais, xa que lles custa máis comunicarse e íllanse nos videoxogos como refuxio”.

Para solucionar estes problemas, o profesional descarta os fármacos porque a psicoloxía “ten ferramentas e técnicas suficientes”. Así, confirma que, “aínda que cada persoa é un mundo, o primeiro que hai que facer é unha valoración para ver se, ademais da súa adicción, presenta outros problemas”.

Tras iso, é necesario realizar un control de estímulos, que consiste en “tentar controlar os tempos de utilización do videoxogo e en fomentar outras actividades”, sinala. Ademais, a familia debe procurar que o videoxogo estea nun lugar visible da casa “para que a persoa non se ille e pase horas e horas xogando”, explica Molina a Europa Press.

Precisamente respecto dos familiares, o experto asegura que estes “en ocasións teñen un sentimento de victimización e pregúntanse que fixeron mal”. Por iso , e tal e como describe no seu libro “SOS...Teño unha adicción”, o membro do Colexio de Psicólogos de Madrid subliña que “é moi importante intervir sobre eles/as”.

Segundo o seu criterio, ademais de consellos en relación ao paciente, “moitas veces necesitan unha terapia específica para eles porque ven moi afectados/as pola situación”. Con ela conseguen “unha ventilación emocional porque as adiccións adóitanse ocultar”, conclúe Molina.

 

Fonte: As drogas info