As mulleres que deixan de fumar antes dos 40, gañan 10 anos de vida
18/12/2012
Esta é unha das conclusións dun dos estudos máis potentes que se realizaron sobre os efectos do tabaco no sexo feminino. Aínda que os resultados poderíanse trasladar aos homes. “Tanto os homes como as mulleres que deixan de fumar antes de chegar á mediana idade poden gañan un extra de dez anos de vida”, advirte Richard Peto, autor principal da Universidade de Oxford.
A investigación, que se publica na revista médica “The Lancet”, seguiu a máis dun millón de mulleres durante quince anos e ofrece a primeira análise detallada dos estragos do fume na saúde feminina.
O estudo deixa claro que a idade de inicio é clave. Canto máis cedo se comeza máis posibilidades hai de desenvolver un cancro ou enfermidades pulmonares e cardiovasculares. Tamén acaba con crenzas populares, como que as consideradas fumadoras “sociais” apenas asumen riscos. Algunhas das participantes que fumaban un só cigarro ao día, duplicaron as posibilidades de morrer.
Estes resultados chegan cincuenta anos despois de que un médico británico relacionase por primeira vez o cancro de pulmón co tabaco. Pero faio nun momento no que xa se pode observar en directo o dano do tabaco na primeira xeración de mulleres fumadoras, aquelas que na década dos 40-50 empezaron a fumar nos países industrializados. Agora esa información pode ser clave para deseñar campañas de saúde pública, dirixidas especificamente ao colectivo feminino.
Do millón de mulleres que participaron na investigación, o 20% eran fumadoras, o 28% exfumadoras e o 52% nunca fumara. Dúas terceiras partes de todas as mortes de fumadoras entre os 50 e os 70 anos de idade estaban relacionadas por enfermidades vinculadas directamente co tabaco: cancro de pulmón, enfermidade pulmonar crónica, cardiopatías ou infartos e hemorraxias cerebrais. Os riscos aumentaban considerablemente coa cantidade fumada, pero as taxas de mortalidade duplicáronse nas mulleres que só fumaban un só cigarro ao día cando se compararon os resultados coas non fumadoras.
A idade na que se acende o primeiro cigarro tamén afecta á esperanza de vida. Aquelas que empezaron na adolescencia, ao redor dos 15 anos, tiñan máis posibilidades de morrer que as que o fixeron só catro anos máis tarde. O comezo precoz eleva as posibilidades de morrer por calquera enfermidade relacionada co fume do tabaco, pero sobre todo por cancro de pulmón.
O estudo mostra como os anos de adicción afectan a deterioro da saúde e, ao mesmo tempo, como deixalo canto antes consegue maiores beneficios na esperanza de vida. As que apagaron o seu último cigarro aos 30 anos evitaron nun 97% o risco de morte prematura, e aínda que o risco continuou sendo excesivo durante décadas entre aquelas que fumaron até os 40 anos, o maior risco recaeu entre as que seguiron fumando despois.
Nun comentario que acompaña a este estudo, a profesora Rachel Huxley lembra como durante anos se subestimou as consecuencias do tabaquismo na poboación feminina. “Estes resultados demostran os importantes beneficios de deixar o tabaco e deberían animar a pór en marcha políticas de control específicas entres o sexo feminino”
Fonte: UNAD