As imaxes de advertencia nos paquetes de tabaco non son o &quot;<em>suficientemente impactantes</em>&quot;

Paquete de cigarros

16/04/2013

As imaxes preventivas que dende a Comunidade Europea se propón para incluír nos paquetes de tabaco e reducir así o seu consumo non teñen o impacto emocional desexado nos fumadores/as, porque só a unha parte parécenlles realmente desagradables. Estas son algunhas das conclusións dunha investigación realizada no departamento de Personalidade, Avaliación e Tratamento Psicolóxico da Universidade de Granada.

O equipo de investigadores/as realizou dous estudos complementarios sobre o mesmo tema. No primeiro deles, publicado na revista "Tobacco Control", recompilaron a opinión subxectiva de 597 participantes, distribuídos en seis grupos de idade: 13-14, 15-16, 17-18, 19-20, 21-22 e máis de 23 anos, a quen se presentou unha batería formada por 35 imaxes preventivas relacionadas co tabaco propostas pola Comisión Europea.

No segundo estudo, presentado recentemente no "I Congreso Ibérico de Psicoloxía Clínica da Saúde e o Deporte", os científicos/as mediron mediante probas fisiolóxicas, isto é, obxectivas, a efectividade destas imaxes. Deste xeito, nunha mostra formada por 50 suxeitos de entre 19 e 23 anos, analizaron variables como o suor, o movemento do músculo que provoca o sorriso ou do músculo situado entre as cellas.

Tamén estudaron o movemento da cabeza do suxeito ante a visión destas imaxes: "cando este se produce cara atrás, significa que hai unha resposta de evitación, é dicir, a persoa apártase porque a imaxe resúltalle desagradable", apunta Miguel Anxo Muñoz, investigador principal. Se a cabeza móvese cara adiante, quere dicir que percibimos a imaxe como algo agradable. A medición de todos estes movementos realizouse cun polígrafo, un aparello capaz de detectar pequenas tensións no corpo.

Os resultados deste segundo estudo corroboraron os obtidos no primeiro: as imaxes antitabaco propostas pola UE non causan o suficiente impacto como para provocar unha resposta de evitación no suxeito que lle faga afastarse do estímulo, neste caso, o paquete de tabaco. "A maioría das fotos son percibidas como desagradables, pero non teñen o impacto suficiente no suxeito", destaca Muñoz.

É máis, algunhas destas imaxes non só non son percibidas como negativas pola xente, "senón que lles resultan positivas, polo que poderían provocar o efecto contrario: un achegamento ao estímulo, é dicir, ao tabaco". É o caso dunha fotografía na que aparecen as mans entrelazadas dunha anciá, ou outra na que se ve unha ecografía dun feto.

O profesor Miguel Anxo Muñoz afirma que unha posible solución a este problema, que xa se aplica nalgúns países da UE, "sería incluír nos paquetes de tabaco fotos menos explícitas, que mesmo non teñan nada que ver co tabaquismo, pero si estean relacionadas coas sensacións que queremos provocar na xente". Así, se buscamos transmitir asfixia, "podemos ilustrar esta idea cunha persoa cunha bolsa na cabeza, e se queremos dar sensación de noxo, podemos incluír unha foto de insectos, por exemplo".

Á luz dos resultados de ambos os estudos, os investigadores da Universidade de Granada propoñen "revisar as imaxes preventivas relacionadas co tabaco propostas pola Comisión Europea, porque non teñen o impacto desexado na poboación e, ademais, aprobáronse no ano 2003. O feito de que desde entón se viñesen empregando e que non se renoven fai que a xente se habituase a elas, e isto tamén contribúe a que non teñan o impacto desexado", conclúe o investigador.

Fonte: As drogas info.