APRENDER A SER: Programa de adestramento en habilidades emocionais

APRENDER  A SER

20/09/2021

Dende Renacer vaise desenvolver, entre os meses de setembro de 2021 e xuño de 2022, o programa “Aprender a ser: Programa de adestramento en habilidades emocionais” co alumnado de 5º e 6º de Educación Primaria de todos os centros educativos de Ribeira.

O proxecto estará cofinanciado pola consellería de Sanidade e  a obra social de CaixaBank. e ten como obxectivo potenciar o desenvolvemento emocional, preparando ós nenos/as para adquisición e asimilación de estratexias que lles permitan por unha parte, desenvolverse como individuos autónomos, críticos, capaces de manter boas relacións cos demais e desenvolver competencias emocionais (básicas para a vida e para aumentar o seu benestar persoal e social) e, por outra, acadar que o reforzo das características persoais actúe como factor preventivo de cara a posibles problemas cos que poidan atoparse.

A determinación  dunha intervención emocional a estas idades ten que ver co feito de que é neste período cando os rapaces/as aprenden a regular as emocións negativas, un proceso que ademais neste último ano coincidiu con cambios notables nas súas rutinas, provocados pola covid-19 (na forma de vida, costumes…), provocando interferencias e, nalgúns, dificultades de adaptación.

Cos obradoiros tentarase por tanto  adiantar as intervencións, que xa se veñen realizando neste ámbito na etapa de secundaria para potenciar os factores de protección persoais (seguindo os resultados do estudo realizado por esta asociación en colaboración coa Universidade de Valencia), e dar resposta ás demandas e inquietudes que nos viñeron manifestando educadores/as, pais e nais, especialmente durante estes últimos meses, debido á situación vivida por mor da pandemia.

A intelixencia emocional abordarase dunha forma flexible, adaptándose ás necesidades de cada centro e cada grupo de alumnado co que se interveña. e incluirá os seguintes contidos: conciencia, regulación e control emocional, comprensión das propias emocións e as do resto, comunicación afectiva e efectiva, relacións interpersoais e habilidades socioemocionais, as emocións na toma de decisións, autoestima, automotivación, empatía, resolución de conflitos, habilidades sociais e para a vida.

Para o seu desenvolvemento empregarase unha metodoloxía globalizada e activa, co fin de construír aprendizaxes emocionais significativos e funcionais en calquera contexto e situación. As actividades realizaranse basicamente de forma colectiva, aínda que nalgunhas prácticas traballaranse individualmente.

O programa desenvolverase en tres fases:

-      Contacto: presentación do programa a todos os centros educativos de Educación Primaria do concello, planificación dun cronograma con cada un deles para a súa implementación.

-      Desenvolvemento: posta en marcha do obradoiros nos centros de ensino. Faranse dúas sesións con cada grupo-aula  de 100 minutos de duración cada unha.

-      Avaliación: análise e presentación de resultados