Aprendendo a crecer: Programa de adestramento en habilidades para a vida e promoción da saúde
15/10/2019
A escola é o lugar onde se pasa unha importante parte dos primeiros anos da vida. Xunto coa familia, é o ámbito onde a persoa vai crecendo, tanto a nivel individual como social, adquirindo coñecementos e habilidades básicas para o seu desenvolvemento. Polo tanto, a escola é un escenario clave para realizar intervencións de promoción da saúde.
Por todo isto a Asociación Renacer pon en marcha o programa "Aprendendo a crecer: programa de adestramento en habilidades da vida e promoción da saúde", que supón unha continuidade do labor levado a cabo en cursos anteriores.
Nesta terceira edición do programa que se vai desenvolver ó longo do presente curso 2.019-20, seguiremos afondando en contidos que se comezaron a traballar na pasada edición, dándolle un espazo ás habilidades para a vida xa que a adquisición das habilidades persoais e sociais adecuadas xogan un papel decisivo no futuro axuste psicolóxico e desenvolvemento psicosocial dos/as adolescentes.
O obxectivo principal do programa é proporcionar ás mozas e mozos as habilidades necesarias para que poidan enfrontarse ás influencias sociais que inciten ao consumo ou outras conductas que supoñan un risco para a súa saúde, facendo fincapé na presión do grupo de amigos/as, dada a intensidade que adquire neste periodo da adolescencia.
Para acadar dito obxectivo lévase a cabo un adestramento directo en técnicas de afrontamento á presión dos iguais, complementándose cunhas interevencións que incrementan a competencia individual do/a adolescente a través da adquisición de habilidades inter e intrapersoais que conduzan a un mellor manexo de situacións sociais e un incremento da autoestima e autoconfianza.
O programa pretende, tamén, promover o coñecemento dos/as adolescentes en tres áreas fundamentais cara a promoción da saúde: uso responsable das TICs, consecuencias do consumo de drogas e sexo seguro (prevención das ITS e VIH-SIDA).
Os contidos sempre se adaptan á idade do alumnado.