Aprendendo a crecer
13/10/2017
A Asociación Renacer puxo en marcha o programa “Aprendendo a crecer: Programa de adestramento en habilidades de vida e promoción da saúde”, correspondente ó curso 2017-18, nos centros educativos do Concello de Riveira e do Concello de Porto do Son.
O programa que se pon en marcha basease no adestramento en habilidades de vida que combina o adestramento en habilidades de resistencia co adestramento en habilidades persoais e sociais máis xerais. Este parte do suposto de que mellorar nos/as adolescentes a súa competencia persoal e social pode reducir o inicio, retrasar ou diminuír o consumo de drogas.
A susceptibilidade ante as influencias negativas da contorna poden reducirse aumentando a autoestima, o autocontrol e a autoconfianza do/a adolescente para alcanzar unha serie de obxectivos e metas na vida incompatibles co consumo. A adquisición dunha serie de habilidades persoais e sociais adecuadas xogan un papel moi importante no axuste psicolóxico e no desenvolvemento psicosocial do adolescente.
O obxectivo fundamental do programa é proporcionar aos mozos e mozas as habilidades necesarias para enfrontarse axeitadamente ás influencias socias que poden incitar ao consumo (medios de comunicación, consumo na familia) ou outras conductas que supoñan un risco para a súa saúde, e , en especial, á presión do grupo de amigos/as, dada a intensidade que adquire durante a adolescencia.
Para isto lévase a cabo o adestramento directo en técnicas de afrontamento a presión dos iguais e compleméntase con intervencións encamiñadas a incrementar a competencia individual do suxeito a través da adquisición de habilidades inter e intrapersoais que conduzan a un mellor manexo de situacións sociais e a un incremento da autoestima e a autoconfianza.
O programa pretende, ademais, promover o coñecemento dos/as adolescentes en tres áreas fundamentais cara a promoción da saúde: uso responsable das TICS, consecuencias do consumo de drogas, sexo seguro e prevención das ITS e VIH-SIDA.
A escola é o lugar onde se pasa unha importante parte dos primeiros anos da vida. Xunto coa familia, é o ámbito onde o individuo vai crecendo, tanto a nivel individual como social, adquirindo coñecementos e habilidades básicas para o seu desenvolvemento.Polo tanto, a escola é un escenario clave para realizar intervencións de promoción da saúde.