ANÁLISE DA FAMILIA COMO AXENTE DE PROMOCIÓN DA SAÚDE

Resultados estudo

10/09/2021

A Asociación Antidroga Renacer,  coa colaboración do grupo de investigación en psicoloxía e calidade de vida (PsiCAL), da Universidade de Valencia desenvolveu  o estudo “Análise da familia, como axente de promoción da saúde” cos proxenitores do alumnado de 6º de E.P e  primeiro ciclo da ESO (1º e 2º de secundaria) de  Ribeira.

O obxectivo principal do mesmo foi levar a cabo unha análise do sistema familiar, para identificar e coñecer mellor os factores de protección e de risco, que dende o mesmo, poden condicionar o inicio no consumo de substancias, especialmente do alcohol, e poder así centrar con posterioridade as intervencións, e anticiparnos á aparición do problema, sobre todo tentando evitar  que se produza a  idades tan temperás.

A determinación das franxas de idade para facer o mostreo veu determinada pola observación do entorno, os datos recollidos a través do traballo levado cabo pola entidade coa poboación xuvenil, e os datos do último informe Estudes 2020, do Plan Nacional de Drogas, que amosan que o alcohol segue sendo a substancia de maior consumo na adolescencia, e  que a primeira toma de contacto co mesmo dáse en torno ós catorce anos de media.

Para facer o estudo contactouse cos equipos directivos dos centros educativos do concello, explicouse o seu  propósito e pediuse a súa colaboración para contactar coas familias. Posteriormente, dende os mesmos, a través das plataformas que empregan para contactar cos proxenitores, achegáronlles os enlaces para cumprimentar os cuestionarios que o conforman.

A través do estudo fíxose unha avaliación das necesidades latentes no seo das familias, analizando as estratexias de intelixencia emocional que empregan, o funcionamento e comunicación no sistema familiar, as actitudes dos proxenitores ante o consumo de substancias en xeral, e do alcohol en particular.

Das variables analizadas, as puntuacións obtidas en tres delas merecen unha especial atención xa que os resultados son moi significativos e deben terse en conta na elaboración de futuros programas de intervención: baixas puntuacións en intelixencia emocional, puntuacións baixas na vinculación emocional e actitudes favorables  dos proxenitores de cara o consumo de alcohol.

-           Polo que respecta á  variable da intelixencia emocional, aínda que nos últimos anos estivo presente en moitos proxectos curriculares educativos, sen  embargo non  se deu un  desenvolvemento destas competencias emocionais no seo familiar (atención emocional, fomento da identificación das propias emocións e aprender a manexalas, claridade emocional...); cando estas competencias tamén deberían estar integradas na educación familiar e non ser consideradas unicamente como un fin illado ou exclusivo do sistema educativo.

-           En canto a variable da vinculación emocional, atopouse que as familias con menores puntuacións nela presentan maiores consumos de alcohol, e a súa vez unha maior permisividade de cara ó consumo de alcohol por parte dos seus fillos/as. Algúns dos motivos dos baixos  niveis de vinculación poden ser o resultado indirecto da educación que estes proxenitores recibiron: unha  pobre educación emocional, escasa implicación no proceso educativo, unha escasa supervisión parental, falta de apego... Todo isto  daría  lugar a que se estean repetindo os mesmos patróns educativos e, como resultado,  uns vínculos emocionais entre os membros da familia febles, xerando nos fillos/as  percepción de inseguridade, baixa autoestima e escasa funcionalidade familiar, a cal xoga un papel decisivo no desenvolvemento social e psicolóxico de todos os membros da familia.

-           Respecto á terceira variable, a cal analizaba as actitudes dos proxenitores ante o  tabaco, alcohol e outras substancias ilegais, o alcohol é o que obtivo as puntuacións máis elevadas en canto á aceptación do seu consumo, quizais derivado dunha gran normalización desta substancia  na nosa sociedade. En consecuencia, os fillos/as educados nos seos familiares con este tipo de actitudes é máis probable  que  interioricen unhas opinións e crenzas favorables ante as mesmo podendo incluso chegar a ter unhas expectativas positivas, ó observar que o alcohol é empregado, en moitas ocasións, como medio de socialización. Os resultados obtidos neste estudo, cos proxenitores de Ribeira, confirman os recollidos na literatura científica dispoñible neste campo de investigación a nivel mundial.

Tendo todo isto en conta  a  Asociación Renacer ten previsto  intensificar as actuacións neste campo ó longo de todo o curso 21-22, a través de obradoiros específicos co alumnado, e traballar na planificación de programas de intervención dirixidos as nais/pais e adolescentes.

Con eles tentarase potenciar os factores de protección persoais, xa que a capacidade percibida para manexar as emocións durante a adolescencia limita o consumo futuro de substancias, e pola contra as persoas cunha falta percibida de habilidades emocionais é máis probable que recorran  ó consumo como unha forma externa de autorregulación para calmar estados emocionais negativos ou para provocar estados emocionais máis pracenteiros. Deste xeito, traballarase baixo o enfoque do “desenvolvemento positivo adolescente” dende o cal resulta crucial atender ós factores de protección, facendo fincapé nas capacidades positivas que xa posúen.