A preadolescencia é a etapa da vida onde máis alcohol se consome
02/07/2010
Un estudo da Universidade de Granada demostrou que en relación ó que o corpo pode asimilar, a maior etapa de consumo de alcohol, prodúcese entre os 11 e os 14 anos.
Expertos/as do grupo de investigación Neuroplasticidade e Aprendizaxe da Universidade de Granada (UGR), coordinados/as pola psicobióloga Milagres Galo, analizaron os efectos que provoca a exposición temperá ó alcohol e outras drogas entre os máis novos/as.
Estes resultados, publicados nas revistas Alcoholism: Clinical and Experimental Research e Psicothema, revelan que durante a etapa pre-adolescente, que “abarca as idades comprendidas entre os 11 e os 14 anos”, rexístrase un maior consumo de alcohol en proporción ó que o seu corpo pode asimilar, tendencia que vai descendendo durante a adolescencia até alcanzar a etapa adulta.
Para comprobalo, desenvolveron experimentos in vivo a partir de modelos de consumo voluntario de alcohol en ratas durante a súa mocidade, que equivale a exemplares de entre 28 e 48 días de vida. Neste estudo contaron coa colaboración da profesora Felisa González Reyes, tamén da Universidade de Granada.
“En ratas, o comportamento é moi similar ó que experimentan os seres humanos, concretamente os/as adolescentes, cuxo consumo de alcohol cumpre uns patróns concretos: un consumo de grandes cantidades de forma intermitente en poucos días”, puntualiza Galo, que é ademais membro do Instituto de Neurociencias “Federico Olóriz”.
Os estudos publicados até agora revelaban que a adolescencia é a etapa na que máis alcohol consomen os mozos/as. Con todo, a maior parte dos estudos en animais e as estatísticas en humanos adoitan comparar a etapa adolescente e adulta, pero “non se dedicou atención á preadolescencia e adolescencia temperá”, afirma a responsable da investigación.
Nos experimentos realizados, os expertos da UGR colocaron a ratas moi novas en gaiolas individuais e en cada unha puxeron catro botellas: unha con auga e as outras tres cheas de alcohol de diferente gradación (comparable cos graos que ten a cervexa, o viño e o whisky).
Durante a súa etapa preadolescente, adolescente e adulta, as ratas dispuxeron destas botellas durante as 24 horas co obxectivo de realizar un exhaustivo estudo do patrón de inxestión alcohólica, de comida e de auga de cada grupo. Estes ensaios permitiron ademais ós investigadores/as comprobar a ritmicidade circadiana e o modo en que respondían as ratas ante o alcohol despois dun período de privación. Con todo iso, Galo e o seu equipo realizaron un seguimento con períodos intermitentes de exposición e privación de alcohol. En concreto, estudaron o proceso ó longo da vida destes animais, desde pequenos ata que alcanzaron a súa etapa adulta.
Tras sometelas a un longo período de abstinencia, este equipo de investigación comparou a capacidade de aprendizaxe e memoria de cada grupo con respecto a outro grupo que nunca probara o alcohol. “Estes ensaios non son un modelo de alcoholismo, senón de consumo voluntario con exposicións relativamente curtas e períodos nos que non se consome”, incide a responsable da investigación.
A pesar diso, os resultados demostraron efectos perniciosos a longo prazo do consumo de alcohol sobre a capacidade de memoria adulta, especialmente durante a etapa adolescente. Segundo os/as responsables do estudo, o consumo de alcohol durante estas etapas produce deficiencias cognitivas a longo prazo de maior magnitude que o consumo en adultos, pondo de manifesto que se trata dun período especialmente sensible na formación do cerebro.
Outro resultado rechamante deste proxecto pon de manifesto que as femias resultan ser máis vulnerables tanto no que se refire ás deficiencias de aprendizaxe e memoria como na súa maior inxesta despois da privación.
FONTE: AS DROGAS INFO