Actividades do Día Mundial Sen Tabaco 2012

Cartel da campaña

29/05/2012

O 31 de maio con motivo da celebración do Día Mundial sen Tabaco, dende a Asociación Renacer temos previsto levar a cabo unha serie de actividades de sensibilización e información co alumnado dos centros de secundaria e coa poboación en xeral. Previamente a estas actividades nos centros de secundaria estanse desenvolvendo obradoiros cós rapaces/as para conciencialos do risco que conleva o tabaco para a saúde.

Nos centros de secundaria, durante o recreo, repartiranse carteis e autocolantes co lema “Ó meu carón non se fuma”, folletos ideados especialmente para a campaña, marcapáxinas e material informativo diverso. Os mozos fumadores/as que o desexen facilitaráselles un test de autoavaliación para coñezan a súa dependencia a nicotina, farase intercambio de caramelos por cigarros, e ofertaranse alternativas e recursos para deixar de fumar.

En canto as actividades para poboación xeral, instalaremos na praza do concello unha mesa informativa en horario de 11 a 13 horas. Na mesma repartirase material diverso sobre as consecuencias do hábito tabáquico e información sobre recursos para deixar de fumar. Ademais da labor informativa, proporcionarase asesoramento, tentarase concienciar á poboación da importancia de desenvolver hábitos saudables e cambiaranse cigarros por caramelos. As persoas fumadoras que o desexen poderán facerse unha cooximetría, realizada por persoal sanitario, de cara a coñecer a cantidade de monóxido de carbono no aire que expiran e, polo tanto o risco de desenvolver unha enfermidade cardiovascular.

Sobre a cooximetría

É unha exploración que nos permite coñecer a cantidade de monóxido de carbono que unha persoa ten no aire que espira. Esta cantidade está en relación co seu hábito como fumador/a. Para esta medición deste parámetro empregase o cooxímetro que é un aparato que mediante unha manobra sinxela e non invasiva permite coñecer os niveis de monóxido de carbono no aire espirado da persoa: o suxeito só debe realizar unha inspiración profunda e manter unha apnea de 15 segundos, despois procederá a unha espiración lenta, prolongada e completa. Esperarase uns segundos ata que o indicador do cooxímetro se estabilice e marque o número exacto de ppm de monóxido de carbono que o suxeito ten no aire que espira.

O uso da cooximetría no diagnóstico do tabaquismo é moi recomendable e permite un mellor coñecemento das características do fumador/a. En xeral existe unha relación directa entre o número de cigarros consumidos e os niveis de monóxido de carbono no aire espirado do fumador/a. De tal xeito que a un maior número de cigarros correspóndelle uns niveis máis altos de monóxido de carbono.

Polo cal, o coñecemento dos niveis de monóxido de carbono permitiría diagnosticar con maior precisión o grado de tabaquismo que un determinado fumador/a padece, pero non só isto, xa que se sabe que os fumadores/as con niveis máis altos desenrolan enfermidades relacionadas co consumo de tabaco con maior probabilidade que aqueles/as con niveis máis baixos.