ACLAREMOS CONCEPTOS, DESBOTEMOS MITOS

CANNABIS

17/03/2023

O cannabis é unha planta que posúe preto de sesenta compoñentes, entre os cales se atopa o THC (tetrahidrocannabinol), o máis coñecido e que posúe un maior efecto psicoactivo. A maior parte destes conpoñentes atópanse nas flores da planta femia, as follas e talos presentan unha menor cantidade. En xeral, as variedades de cannabis divídense en tres categorías clásicas. índica, sativa e híbrida e á súa vez en función da parte consumida e forma de elaboración, pódense clasificar os derivados en tres grandes grupos: marihuana, haxix e aceite de haxix.

  • MARIHUANA: preparado coas follas secas e flores, que contén entre o 6-14% de THC (na actualidade, debido ás manipulacións xenéticas, esta porcentaxe pode ser superior).
  • HAXIX: preparado de resina segregada pola planta, as súas tonalidades varían dependendo da orixe da planta, contén entre un 15-30% de THC según a variedade.
  • ACEITE DE HAXIX: preparado mediante a destilación da planta en disolventes órganicos. Dependendo da técnica e aparellos empregados pode acadar ata un 65% de THC.

QUE EFECTOS PRODUCE?

Os efectos soen aparecer tralos 10 minutos cando a vía de administración é fumada, e de 20-60 minutos despois da súa inxestión. Á súa vez, a duración dos seus efectos é máis prolongada e de menor intensidade cando é inxerida, que cando é fumada, debido a que a velocidade de absorción por vía respiratoria é máis rápida ca por vía dixestiva. Sexa cal sesa a vía de administración débese ter en conta que o seu consumo vai producir un conxunto de efectos físicos e psíquicos.

EFECTOS PSÍQUICOS

Acción euforizante, tendencia á risa fácil, alteración do sentido do tempo, poden aparecer despersonalización e fuga de ideas, alteracións da memoria, aumenta a percepción das cores e dos sons. A doses elevadas pode aparecer un estado de pánico, alucinacións e psicoses de tipo paranoide ou esquizofrénico (psicose por consumo). Resaltar que a esta fase de euforia, case sempre lle segue outra depresiva e con aumento do sono.

EFECTOS FÍSICOS

Tos seca, taquicardia, irritación da conxuntiva, lixeiro aumento da presión arterial.

Débese ter en conta que tódalas substancias droga poden chegar a producir dependencia física e/ou psíquica. As substancias producen, ó inxerilas un efecto pracenteiro o cal resulta atractivo e pode exercer unha gran influencia para voltar a realizar novos consumos. Ese consumo continuado (o seu uso regular), conleva o risco de converterse nun hábito ou adicción: deixa de ser unha decisión para ser unha necesidade "dependencia".

Unha vez que se empezan os consumos continuados, as doses habituais non fan o mesmo efecto ca nos seus inicios (fenómeno de tolerancia), e a persoa vai ir aumentando paulatinamente as doses consumidas, feito que reforza e afianza a dependencia (físisca e psicolóxica). 

Polo que respecta á lexislación, como ocorre coas demais substancias droga, o consumo de cannabis en lugares , vías, establecementos ou transporte público, así como a posesión ilícita; aínda que non estivera destinada ao tráfico, está contemplada na Lei de Protección da Seguridade Cidadana como unha infracción grave, podendo ser dancionado cunha multa de entre 300,5 e 30.050,61 euros.

FONTE: Elaboración propia.