A venda de tabaco cae á metade en cinco anos

Man suxeitando un cigarro

18/08/2014

A venda de tabaco nos estancos e os bares caeu en picado en cinco anos. Fai un lustro vendéronse de maneira legal en España 90.290 millóns de cigarros. O ano pasado despacháronse 47.508 millóns, un 47% menos. A tormenta perfecta formouse ao redor desta industria: ao endurecemento da lei antitabaco e as sucesivas subidas de impostos sumouse a perda de poder adquisitivo pola crise, que á súa vez impulsou o contrabando e a procura de alternativas máis baratas. No medio destas augas revoltas hai algúns gañadores: os impulsores das marcas de baixo custo, que se reparten xa máis do 11% do mercado.

O consumo dos fumadores/as reduciuse moito nos últimos anos. Segundo a Enquisa Nacional de Saúde de 2012, o 24% da poboación de máis de 15 anos aseguraba fumar a diario. No ano 2000 era preto do 30%. Ademais, a cantidade que compra cada fumador/a tamén baixa: segundo as cifras que manexan as empresas do sector, a media diaria pasou de entre 18 e 20 cigarros ao día a unha pinza de 13 e 14 cigarros. Os novos hábitos explican boa parte da caída de vendas do sector, pero non todo o esborralle.

O contrabando é outro dos factores crave da ecuación. Ante o duro golpe ao seu negocio e a imposibilidade das empresas de recorrer á mercadotecnia para animar as vendas (está prohibida a publicidade), a industria do tabaco está máis activa que nunca, tratando de concienciar a consumidores/as e políticos sobre o dano que a venda ilegal fai ás arcas públicas. Se se engade tamén o produto que chega de fóra por vías legais (os 15 paquetes que, por exemplo, permite a lei comprar en cada visita a Andorra), a porcentaxe de cigarros que non tributa en España supera agora o 11,3%, fronte ao 2,5% de 2009. O produto ilícito é unha brecha que sangra as contas das tabaqueiras. E de rebote España, segundo di o estudo que as empresas solicitaron, deixa de ingresar polo contrabando 718 millóns de euros en impostos ao ano.

Un terceiro factor que explica a caída na venda de cigarros é a constante procura de alternativas máis baratas por parte dos consumidores/as. Os prezos dos paquetes disparáronse en cinco anos. O poder adquisitivo das familias, ao mesmo tempo, reduciuse. Isto fixo florecer alternativas máis baratas: picadura para cigarros de lear, tabaco de pipa e, sobre todo, o impulso a marcas low cost.

As consideradas marcas baratas no sector son aquelas que se sitúan entre os 3,95 e 4,10 euros. É unha franxa na que o produto, pola súa elevada tributación (hai impostos mínimos para evitar o esborralle de prezos), deixa pouca marxe de beneficio ás empresas. Con todo, grazas ao novo vigor do segmento de fumadores/as en busca de gangas, converteuse de novo nunha categoría interesante na que competir. Hoxe as insignias de categorías inferiores teñen preto do 11,3% do mercado.

Fonte: El País