“A percepción social dos problemas de drogas en España, 2014”

Cartel informativo

12/12/2014

Vense de presentar a investigación a investigación “A percepción social dos problemas de drogas en España, 2014” -realizada pola FAD grazas ao financiamento da Delegación do Goberno para o Plan Nacional sobre Drogas. O estudo aborda como variou a percepción social dos consumos de drogas entre os españois de 15 a 65 anos e a súa postura fronte a elas nas últimas dúas décadas grazas á comparación establecida cos dous estudos previos realizados pola FAD en 1999 e 2004.

Segundo o estudo, na evolución da percepción xeral dos consumos de drogas produciuse un aumento significativo -e moito máis amplo do esperable segundo a tendencia establecida até 2004- nas porcentaxes das posicións máis belixerantes (non deben probarse, hai que loitar pola sociedade sen drogas), á vez que diminúe a convicción de que aínda que as drogas están aí poden evitarse moitos dos seus problemas (un descenso de case dez puntos porcentuais).

Tamén aumentan as posturas que subliñan o perigo das drogas ou que dubidan de que poidan controlarse os problemas que causan, aínda que tamén se observa certo incremento nas actitudes, máis minoritarias, que ven menos problemática a presenza das drogas, e sinalan a súa funcionalidade práctica e a conveniencia da experimentación.

En termos xerais, podemos afirmar que a sociedade española en 2014 sitúase en termos de enfrontamento e oposición ás drogas de forma moito máis decidida que en 2004 e próxima ao que ocorría en 1999. Inverteuse (ou polo menos freouse) o proceso de normalización das sustancias.

O cannabis, clara excepción

Con todo, nesta tendencia xeral de aumento das posturas belixerantes de confrontación fronte ás drogas, o cannabis constitúe unha clara excepción. Segundo a investigación, máis da metade da poboación española de 15 a 65 anos mostraríase partidaria de permitir o consumo de cannabis a adultos (43,8% permitiríao en privado e o 8,7% permitiríao sen ningunha limitación). Pola contra, o 42,5% prohibiríao e sancionaría mesmo en privado.

Esixencia de medidas preventivas e de control legal

O 91,2% da poboación española sinala a educación sobre drogas nas escolas como a medida de prevención máis importante. Séguelle o apoio ás familias para reforzar a tarefa educativa cos fillos (86,5%) e as campañas publicitarias en terceiro lugar, consideradas como moi ou bastante importantes polo 77,5% de entrevistados/as.

Tras as medidas educativas, destaca a posición das medidas estritas de control. O 72,9% considera moi ou bastante importante o control policial e de aduanas, e o 70,3% avoga por leis máis estritas contra as drogas. Estas medidas de control creceron en valoración en máis de 20 puntos porcentuais desde 2004.

Razóns do consumo, problemas percibidos e accesibilidade

Segundo os datos obtidos do estudo, os principais motivos que se mencionan para consumir drogas son a diversión (51%), a curiosidade (40%) e o desexo de sentir novas sensacións (ao redor do 30%). Os seguintes motivos son o gusto por facer algo prohibido (19%), por moda (16%), por problemas laborais ou sociais (14%) e para ser como os demais (13,5%). Nas últimas posicións os problemas, coa familia ou cos amigos (10,5%), ou de índole médica ou psicolóxica (3%).

E en canto aos problemas que cren que pode desencadear o consumo de drogas sinálase en primeiro lugar a adicción (65%), seguido dos problemas familiares (47%), os problemas de saúde (42%), a delincuencia (36%) e a marxinación (24%)

Respecto dos hipotéticos beneficios a maioría sinala que “ningún” (56%), a diversión é sinalada polo 23%, a desinhibición/relaxación (22/17%) e o alivio de problemas polo 15%.

Acerca da accesibilidade, case o 82% da poboación cre que é fácil ou moi fácil atopar drogas se se queren consumir, dato que ha ir aumentando en cada estudo realizado.

Perigo atribuído ás diferentes sustancias

Tres sustancias son consideradas bastante ou moi perigosas pola inmensa maioría da poboación: a heroína, a cocaína e as anfetaminas/alucinóxenos. É moi elevado tamén a porcentaxe de entrevistados que indican alto perigo en tranquilizantes e hipnóticos, pero por baixo xa do 90%. Niveis superiores aos de 2004.

O cannabis é considerado moi perigoso por preto do 70% da sociedade española, case 10 puntos porcentuais máis que hai unha década, o que non impide que aumentasen a aceptación de medidas de manexo práctico do mesmo como medidas de regulación da venda, os clubs cannábicos, etc.

Ao redor da metade indican ese nivel de perigo para o alcol (55,7%) e tabaco (47,6%). Nas drogas legais, a porcentaxe de quen as consideran moi perigosas na actualidade é menor que fai dez anos.

Fonte: FAD