A OMS pide aos gobernos que redobren os seus esforzos para previr as defuncións e as enfermidades relacionadas co alcol

Persoas bebendo alcol

14/05/2014

Segundo un novo informe publicado pola Organización Mundial da Saúde (OMS), en 2012 producíronse 3,3 millóns de defuncións no mundo, provocadas polo uso nocivo do alcol. O consumo de alcol non só pode causar dependencia, senón que tamén aumenta o risco de que as persoas padezan máis de 200 enfermidades, entre elas cirroses hepática e diversos cancros. Ademais, o consumo nocivo de alcol pode relacionarse coa violencia e os traumatismos.

No informe tamén se chega á conclusión de que o uso nocivo do alcol fai que as persoas sexan máis vulnerables ás enfermidades infecciosas, como a tuberculose e a pneumonía.

O informe, titulado Informe Mundial de Situación sobre Alcol e Saúde inclúe unha serie de perfís por país no que respecta ao consumo de alcol nos 194 Estados Membros da OMS, as repercusións na saúde pública e as respostas de política.

Hai que redobrar os esforzos para protexer ás poboacións das consecuencias negativas do consumo de alcol para a saúde” declara o Dr. Oleg Chestnov, Subdirector Xeral da OMS para Enfermidades Non Transmisibles e Saúde Mental. “O informe mostra claramente que non hai lugar para a compracencia á hora de reducir o uso nocivo do alcohol”.

Algúns países xa están a reforzar as medidas destinadas a protexer á poboación, como a subida dos impostos sobre o alcol, o aumento da idade mínima para comprar alcol a fin de limitar a súa dispoñibilidade, ou a regulación da comercialización de bebidas alcohólicas.

Adoptar medidas

No informe tamén se insiste na necesidade de que os propios países adopten medidas, tales como:

- A formulación por parte das autoridades nacionais de políticas destinadas a reducir o uso nocivo do alcol (en 2012, 66 Estados Membros da OMS redactaran unha política nacional relativa ao alcol),

- Actividades de sensibilización a escala nacional (case 140 países informaron de que levaran a cabo polo menos unha actividade deste tipo no últimos tres anos),

- Sistemas de saúde que ofrezan servizos de prevención e tratamento, en particular a prestación dun maior número de servizos de prevención, tratamento e atención para os pacientes e as súas familias, así como o apoio ás iniciativas de detección e as intervencións breves.

O informe destaca así mesmo a necesidade de que as comunidades se impliquen na redución do uso nocivo do alcol.

17 litros de alcol puro cada ano

Cada habitante do mundo de 15 anos ou máis de idade consome unha media de 6,2 litros de alcol puro cada ano. Agora ben, menos da metade da poboación (o 38,3%) consome alcol, o cal significa que as persoas que beben consomen unha media de 17 litros de alcol puro cada ano.

No informe tamén se sinala que a porcentaxe de falecementos entre a poboación masculina por causas relacionadas co alcol é máis elevado que o correspondente ás mulleres (un 7,6% de defuncións no caso dos homes e un 4% no caso das mulleres), aínda que se demostrou que as mulleres poden ser máis vulnerables a algunhas enfermidades relacionadas co alcol en comparación cos homes. Ademais, os autores do informe sinalan que o aumento constante do consumo de alcol entre as mulleres é un fenómeno que suscita preocupación.

Constatamos que, en todo o mundo, preto do 16% das persoas que beben alcol inxiren ocasionalmente grandes cantidades de alcohol” o que a miúdo se describe como un “atracón de alcohol, que é o máis prexudicial para a saúde”, explica o Dr. Shekhar Saxena, Director do Departamento de Saúde Mental e Abuso de Sustancias da OMS. "Os grupos de ingresos baixos sofren en maior medida as consecuencias sociais e para a saúde do alcol, pois non adoitan ter acceso a unha atención sanitaria de calidade e están menos protexidos polas redes familiares ou comunitarias”.

Un maior consumo de alcol por habitante en Europa

A nivel mundial, a Rexión de Europa rexistra un maior consumo de alcol por habitante, e as taxas de consumo dalgúns dos seus países son especialmente elevadas. A análise das tendencias mostra que o nivel de consumo nesta Rexión mantívose estable durante o últimos cinco anos, do mesmo xeito que na Rexión de África e na Rexión das Américas; en cambio, este aumentou na Rexión de Asia Sudoriental e a Rexión do Pacífico Occidental.

A OMS, a través dunha rede mundial, está a axudar aos países a elaborar e aplicar políticas destinadas a reducir o uso nocivo do alcol. A necesidade de reforzar estas medidas foi recoñecida na histórica reunión da Asemblea Xeral das Nacións Unidas, celebrada en 2011, na que o alcol se identificou como un do catro factores de risco comúns ( xunto con: o consumo de tabaco, unha dieta malsán e a falta de actividade física) que contribúen á epidemia das enfermidades non transmisibles.

Fonte: Organización Mundial da Saúde