A OMS avoga por maiores impostos ao tabaco para salvar máis vidas

Cartel da campaña

28/05/2014

Para o Día Mundial Sen Tabaco 2014, a OMS e os seus asociados fan un chamamento aos países para que aumenten os impostos ao tabaco.

O obxectivo primordial do Día Mundial Sen Tabaco é contribuír a protexer ás xeracións presentes e futuras non só das devastadoras consecuencias do tabaco para a saúde, senón tamén dos flaxelos sociais, ambientais e económicos que se derivan do consumo de tabaco e da exposición ao fume que desprende.

Os obxectivos específicos da campaña de 2014 son os seguintes:

- que os gobernos aumenten os impostos sobre o tabaco até niveis que reduzan o seu consumo;

- que as persoas e as organizacións da sociedade civil alenten aos seus gobernos a aumentar os impostos sobre o tabaco até niveis que reduzan o seu consumo.

O aumento dos impostos móstrase como unha medida eficaz para animar aos consumidores/as a deixar de fumar e evitar que outras persoas se convertan en adictas ao tabaco. Baseándose nos datos de 2012, a OMS estima que un aumento do 50 % nos impostos ao tabaco en todos os países reduciría o número de fumadores/as en 49 millóns no próximos tres anos e, en última instancia, salvaría 11 millóns de vidas.

Na actualidade, cada seis segundos morre unha persoa debido ao consumo de tabaco. O tabaco mata á metade dos seus consumidores/as. Tamén ocasiona gastos considerables para as familias, as empresas e os gobernos. O tratamento das enfermidades relacionadas co tabaco, entre elas o cancro e as cardiopatías, é custoso. Ademais, dado que as enfermidades e as defuncións relacionadas co tabaco adoitan afectar as persoas ao comezo da súa vida laboral, a produtividade e os ingresos redúcense.

A mocidade e as persoas con ingresos baixos son os máis beneficiados

Os prezos elevados son particularmente eficaces para disuadir aos mozos/as (que adoitan ter ingresos máis limitados que os adultos) de comezar a fumar. Así mesmo, alentan aos fumadores/as novos/as a reducir o consumo de tabaco ou deixar de fumar por completo.

"Os aumentos de prezos son dous ou tres veces máis eficaces para reducir o consumo de tabaco entre os mozos/as que entre os adultos", di o Dr. Douglas Bettcher, Director do Departamento de Prevención das Enfermidades Non Transmisibles da OMS. "Toda política fiscal pode ser controvertida, pero esta é unha subida de impostos que todos poden apoiar. Na medida en que aumentan os impostos ao tabaco, diminúen a morte e a enfermidade".

Bo tamén para as economías

A OMS calcula que se todos os países aumentasen os impostos ao tabaco nun 50 % por paquete, os gobernos poderían incrementar os seus ingresos globais en 101.000 millóns de dólares.

"Eses fondos adicionais poderían, e deberían, utilizarse para promover a saúde e executar programas sociais", agrega o Dr. Bettcher.

Os impostos ao tabaco son un elemento central na loita contra o tabaco

O consumo de tabaco é a principal causa evitable de defunción en todo o mundo. O tabaco mata a case 6 millóns de persoas cada ano, dos cales máis de 600.000 son non fumadores/as que morren por respirar fume alleo. Se non se adoptan medidas, para 2030 o tabaco matará a máis de 8 millóns de persoas cada ano, das cales máis do 80% serán habitantes de países de medianos e baixos ingresos.

Aumentar os impostos sobre o tabaco en apoio da redución do consumo de tabaco é un elemento básico do Convenio Marco da OMS para o Control do Tabaco (CMCT), un tratado internacional vixente desde 2005 que foi adoptado por 178 Partes. No Artigo 6 do CMCT da OMS, Medidas relacionadas cos prezos e impostos para reducir a demanda de tabaco, as Partes recoñecen que “as medidas relacionadas cos prezos e impostos son un medio eficaz e importante para que diversos sectores da poboación, en particular os mozos/as, reduzan o seu consumo de tabaco”.

Fonte: OMS