A “mera presenza” de drogas no condutor será multada con mil euros

Coche pola estrada

23/09/2013

A cruzada contra as drogas na condución que emprendeu a directora xeral de Tráfico, María Seguín , quedará plasmada na nova Lei de Seguridade Viaria. A norma endurecerá as sancións por inxesta de drogas con multas de mil euros e eliminará as fisuras da norma vixente, que condenaba a súa influencia pero non a súa presenza no organismo. Así se desprende do anteproxecto de Lei sobre Tráfico, Circulación de Vehículos a Motor e Seguridade Viaria. Entre outras modificacións, recolle o aumento de velocidade a 130 quilómetros por hora e a prohibición de levar detectores de radar.

Estas son as novidades:

- Drogas: A nova lei castigará “a mera presenza de drogas no organismo do condutor” pola vía administrativa, cunha multa de mil euros e a detracción de seis puntos do carné de conducir. Na norma anterior era necesario demostrar a influencia das drogas na condución para impor a multa, que era de 500 euros, e restar os puntos. Con todo, a diferenza do alcol, respecto ao cal o nivel máximo permitido é claro, nas drogas non existen estudos precisos nin consenso científico para determinar que nivel de cada tipo de droga afecta ao automobilista. A nova lei resólveo sancionando o máis mínimo rastro de inxerir drogas.

A futura lei de Seguridade Viaria explicita, ademais, a forma de verificar a inxesta de drogas: “Unha proba salival mediante un dispositivo autorizado” e unha “posterior análise” da mostra. Por “razóns xustificadas que impidan realizar a proba”, poderase ordenar un recoñecemento médico ou análises clínicas nun centro. Ademais, o interesado/a poderá esixir unha análise de contraste, preferentemente de sangue, que deberá abonar se o resultado é positivo.

- Alcohol: Aumenta a multa de 500 a 1.000 euros por conducir con taxas de alcol superiores ao permitido “0,25 miligramos por litro de aire expirado, e 0,15 para condutores/as noveis e profesionais”. Segundo o anteproxecto de lei, tanto as drogas como o alcol “están detrás dunha porcentaxe moi importante de accidentes graves e por iso é necesario aumentar o reproche cara a ese tipo de condutas”.

- Velocidade: O anteproxecto da lei de seguridade viaria contempla o aumento da velocidade a 130 quilómetros porque inclúe un cadro de velocidades que recolle a sanción económica e a detracción de puntos que suporá superar este límite. O que non especifica a futura norma son as vías polas que se poderá circular a 130 por hora. Será o Regulamento Xeral de Circulación , que se modificará unha vez aprobada a lei, o que o aclare. Seguín xa adiantou que a velocidade a 130 só aplicarase en tramos con índices contrastados de seguridade e con boas condicións de trazado, pavimentación e meteorolóxicas.

- Casco ciclista: A pesar da polémica pola obrigatoriedade do casco ciclista en cidade , a lei só establece directamente que sexa prescriptivo para menores de 18 anos, pero deixa aberta a porta e remite a un “posterior desenvolvemento regulamentario dos supostos e condicións do seu uso”.

- Detectores de radar: A futura lei prohibirá os detectores de radar “agora só están prohibidos os inhibidores”, cuxo uso será sancionado como infracción grave, é dicir, a detracción de tres puntos do carné e unha multa de 200 euros. Quedan excluídos os mecanismos que informan da posición dos sistemas de vixilancia de tráfico, que a propia DXT publica na súa web.

- Caída de carga na vía: Este suposto, que non estaba expresamente contemplado na normativa, será sancionado como infracción grave por “o perigo que xera ao resto de usuarios/as da vía”.

- Obras na vía: Tamén será infracción grave realizar obras na estrada sen comunicalo con anterioridade ao seu inicio “á autoridade responsable da xestión e regulación do tráfico”.

- Menores nos asentos dianteiros: A norma anterior só prohibía circular con menores de 12 anos como pasaxeiros de ciclomotores ou motocicletas. Agora, a lei tamén vetará viaxar “con menores nos asentos dianteiros ou traseiros cando non estea permitido”. O novo Regulamento Xeral de Circulación concretará os criterios de idade e talla.

Fonte: As Drogas Info.