A incidencia de infección polo VIH e a SIDA en Galicia está estabilizada

Portada do informe

04/09/2013

A dirección xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública, presentou un informe referido á vixilancia epidemiolóxica do VIH/SIDA en Galicia no que se amosa que a incidencia de infección polo VIH e da SIDA está estabilizada en Galicia, e sempre por baixo dos valores medios en España.

Este documento ten por obxectivo cuantificar os novos diagnósticos de VIH e de casos de SIDA, ver a súa evolución temporal e, ademais, describir as principais características epidemiolóxicas. O número de casos de SIDA diagnosticados en Galicia no 2012 foi de 53, os mesmos que no 2011.

Ata o 2004 vixiábase só a enfermidade diagnosticada polo que os datos reflectían prácticas de risco mantidas varios anos atrás. Dende ese ano, vixíase a infección polo virus aínda sen que se manifeste a enfermidade, así a información xerada reflicte a realidade actual das prácticas de risco.

No inicio da epidemia, na maioría dos casos a vía de infección era compartir materiais para inxectárense drogas, pero os novos casos asociados a esta vía pasaron do 36% no 2004 ao 8% no 2012.

Epidemioloxía

Diagnósticos de VIH

En Galicia rexistráronse 1.845 casos de persoas infectadas polo virus da inmunodeficiencia humana entre os anos 2004 e 2012, cunha media de 205 infeccións anuais, o que representa unha incidencia anual de 74 casos por millón de habitantes.

A categoría de transmisión máis frecuente na infección polo VIH nos nove anos analizados foi a das relacións sexuais non protexidas, que supuxo o 75% dos casos (un 40% asociado a relacións heterosexuais e un 35 % a relacións entre homes que teñen sexo con homes), e presentan un incremento de peso relativo con respecto aos casos debidos ao intercambio de xiringas entre UDI, que supoñen a segunda categoría de afectados do período, cun 20% das persoas infectadas.

Entre os homes a transmisión HSH (homes que teñen sexo con homes) supuxo o 45 % dos novos diagnósticos de infección polo VIH no total do período, sumando a transmisión heterosexual o 30 %. Entre as mulleres, a transmisión heterosexual supuxo a gran maioría, cun 77 % dos novos diagnósticos.

Polo que se pode concluír que o patrón epidemiolóxico predominante na transmisión do VIH é claramente a vía sexual, cun 89% dos casos no ano 2012. Esta variación amosa un descenso na vía de transmisión por compartir materiais para inxectarse drogas; unha estabilización no número de caos nos que a infección se adquire por relacións heterosexuais; e un incremento dos casos nos que a vía de infección son as relacións sexuais entre homes.

Diagnósticos de SIDA

Dende que se diagnosticou o primeiro caso de SIDA en Galicia no ano 1984 e ata o ano 1996, a incidencia da SIDA mostrou unha evolución moi ascendente. A partir dese momento, a incidencia diminúe de forma considerable, descenso que supón máis do 40 % entre 1997 e 1998. Durante os anos transcorridos do século XXI, a tendencia estabilízase, cunha taxa de incidencia que rolda os 33 casos por millón de habitantes. Dende o ano 2008 notificáronse menos de 100 novos casos anuais, o que mantén a tendencia á estabilización antes comentada, situándose a taxa por debaixo de 30 casos por millón de habitantes cada ano.

A categoría de transmisión máis frecuente ao longo dos anos nos casos de SIDA declarados en Galicia é a asociada ao consumo de drogas inxectadas, cun 62 % dos casos rexistrados, pero no ano 2009 xa se comeza a observar que os casos por transmisión heterosexual son máis ca os de usuarios de drogas inxectables (UDI). Por outra parte, a transmisión heterosexual é a segunda categoría máis frecuente, cun 22% no total do período, pero cunha tendencia relativa ao aumento, cousa que non sucede nos UDI, nos cales o seu peso relativo baixa claramente.

Deste xeito, debido á nova situación epidemiolóxica, é necesario reorientar as políticas de saúde pública con respecto da infección polo VIH e a SIDA, coa fin de optimizar os recursos utilizándoos onde son máis necesarios e engaden valor.

Así, o departamento de Saúde Pública da Consellería de Sanidade resalta a importancia da prevención da infección por relacións sexuais de risco –especialmente nos homes que teñen sexo con outros homes- e o diagnóstico precoz da infección, que ofrece a posibilidade de beneficiarse da terapia antirretroviral nas etapas precoces da infección, así como modificar as condutas que favorecen a transmisión do virus a outras persoas. Ademais, dende a Xunta de Galicia séguese a traballar no ámbito de prevención das drogodependencias e condutas aditivas.

Os niveis de actuación céntranse, pois, na difusión da información, na promoción da educación sanitaria e na facilitación de medios preventivos.

Probas rápidas de detección do VIH

A dirección xeral de Saúde Pública tamén informou sobre o Proxecto de probas rápidas para a identificación da infección polo VIH. No último ano e medio realizáronse 805 probas das que o 2,6% foron positivas.

Son probas sinxelas, realizadas de forma anónima e gratuíta a persoas de colectivos con dificultade de acceso ao sistema sanitario para lograr diminuír novas infeccións, modificar as condutas que favorecen a transmisión do virus e iniciar un tratamento o antes posible o que mellora de xeito significativo a resposta ao tratamento, diminuíndo ademais o custe para o sistema sanitario. Están destinadas a persoas de 16 anos ou máis con prácticas de risco altas.

Fonte: Consellería de Sanidade