A IMPORTANCIA DA XESTIÓN EMOCIONAL
10/03/2023
As emocións como o medo, a ira, a tristeza, a culpa ou alegría, conviven con todos/as nós diariamente, pero unha mala xestión das mesmas pode favorecela aparición de trastornos mentais, emocionais ou condutas autolesivas.
A través da xestión emocional, as persoas poderán coñecer mellor as súas emocións, saber como actuar fronte as mesmas, procesándoas de xeito correcto e saudable.
QUE É A XESTIÓN EMOCIONAL?
A xestión emocional é a habilidade das persoas para percibir, empregar, comprender e manexar as emocións. Esta habilidade pódese empregar sobre un mesmo/a ou sobre as demais persoas. Consiste en aprender a entender as nosas emocións, e actuar en consecuencia. Non se trata de "controlar" esas emocións, senón de saber identificar os nosos procesos emocionais, a orixe das mesmas e o que nos provocan. Exercer un control estricto sobre elas, pode resultar un proceso de negación, e isto non axudará a entender realmente como nos sentimos.
A partir deste autocoñecemento, poderanse adoptar diferentes accións dirixidas a saber como xestionar cada situación, posto que só identificando con precisión as nosas emocións e as súas causas, poderemos superar as situacións complexas nas que podemos atoparnos.
Para realizar unha adecuada xestión emocional deberemos ter en conta os seguintes aspectos:
- Tomar conciencia das emocións que se senten.
- Identificada a emoción, ser capaces de entrar e saír da mesma, para facilitar un estado de ánimo diferente.
- Comprender para que está presente esa emoción, toda emoción ten unha función.
- Aprender a separar o estímulo da emoción, darlle o seu espazo para que saia.
Aínda que non existe un patrón exacto que marque de que maneira xestionar as nosas emocións, xa que cada persoa é distinta e ten as necesidades diferentes, comprender a orixe das emocións e poder entendelas axudará a canalizalas e orientalas de xeito correcto.
FONTE: Elaboración propia.