A Facultade de Psicoloxía da <abbr title="Universidade de Santiago de Compostela">USC</abbr> axuda a iniciar o novo ano sen tabaco
09/01/2013
O tratamento para fumadores/as que ofrece a Unidade de Tabaquismo da Universidade de Santiago de Compostela axudou a case 14.000 persoas desde os seus inicios, en 1984. Agora comeza unha nova edición, e abre o prazo para admitir candidatos/as até fin de xaneiro, no que será o seu 29 ano de actividade. Este programa diríxeo o profesor Elisardo Becoña, na Facultade de Psicoloxía, e foi tamén a base neste tempo dun importante traballo de investigación, difundido en Galicia e no exterior.
O principal motivo polo que os fumadores/as queren deixar de fumar é a saúde, indica. “Co comezo de cada novo ano moitos fumadores/as fanse a firme intención de deixar de fumar. Uns/as o conseguen e outros/as non. Aqueles/as que non o conseguiron e queiran deixar de fumar poden participar nalgún dos tratamentos para deixar de fumar que levamos a cabo na nosa Unidade de Tabaquismo. Temos tratamentos de distintos tipos”, sostén Elisardo Becoña. Ademais “todos os nosos tratamentos presenciais son gratuítos”.
Entre os argumentos positivos para deixar de fumar apunta o custo: “Coa subida do prezo do tabaco, leste é o ano ideal para deixar de fumar. Por exemplo, un fumador/a dun paquete diario gasta ao ano de 1.500 a 2.000 euros en tabaco”, indica.
As persoas interesadas en conseguir información sobre este programa poden facelo por teléfono (deben chamar ao 881 813 939 ou ao 881 813 861), por correo electrónico (dirixido a elisardo.becona@usc.es) ou por correo postal. É interesante que indiquen o número de cigarros que fuman e de que marca, sosteñen.
Fonte: As Drogas Info