A <abbr title="Comité Nacional para a Prevención do Tabaquismo">CNPT</abbr> pide &quot;<em>non baixar a garda</em>&quot; na loita contra o tabaquismo pese ao descenso de fumadores/as en España

Cigarro con chisqueiro

19/03/2013

O Comité Nacional para a Prevención do Tabaquismo (CNPT) celebrou os datos da Enquisa Nacional de Saúde, presentados polo Ministerio de Sanidade, e que mostran que España ten actualmente a cifra de fumadores/as máis baixa dos últimos 25 anos, pero pide ás autoridades non baixar a garda na loita contra o tabaquismo.

O portavoz desta entidade, o doutor Francisco Camarelles, destacou como "importante dato" o que case o 20% dos adultos españois (19,6% exactamente) diga ser ex fumador/a, o que quere dicir que "a concienciación social que acometemos durante os últimos anos sobre os riscos do tabaco está a dar os seus froitos".

O CNPT subliña tamén que as cifras da última Enquisa Nacional de Saúde supoñen un novo apoio á lei do tabaco, que impide fumar en todos os lugares públicos desde xaneiro de 2011.

"A norma conta cun cada vez maior apoio social e os resultados, como se ve, están a ser magníficos", comenta o doutor Camarelles, quen advirte de que "as políticas a favor da saúde pública neste campo conten cunha forte oposición que vai pór cantas pedras lle sexa posible no camiño".

Na IV Xornada de debate que está a celebrar estes días o CNPT abordarase o alcance da Directiva Europea dos Produtos do Tabaco, que, previsiblemente, reforzará a presenza das mensaxes disuasorias nos paquetes ou envoltorios e prohibirá aditivos como o mentol ou sabores como o chocolate ou a vainilla. Esta norma ten que recibir o visto e prace do Parlamento europeo, polo que non entraría en vigor até 2014, aínda que o CNPT ten claro que a súa promulgación suporá un significativo paso adiante na loita contra o tabaquismo.

Para empezar, se até agora as advertencias sanitarias sobre os efectos do consumo do tabaco ocupaban entre un 30 e un 50% de paquetes de cigarros e paquetes de tabaco de lear, agora ocuparán tres cuartos da superficie de todas as súas caras e incluirán imaxes e texto ao mesmo tempo.

"A realidade é que se houbese que comercializar agora o tabaco por primeira vez, non se permitiría, pois podemos saber o que contén unha lata de tomate frito pero ninguén sabe que contén un paquete de cigarros salvo o seu contido en alcatrán, nicotina ou un gas mortal como o monóxido de carbono", comenta respecto diso o presidente do CNPT, o doutor Francisco Rodríguez Lozano.

Fonte: As drogas info