A Asociación Renacer en colaboración co concello de Ribeira, con motivo da conmemoración o 15 de novembro, do Día Mundial Sen Alcohol, porá en marcha a campaña “Por 10 razóns”, de cara a sensibilizar á poboación en xeral, e á mocidade en particular, sobre as vantaxes de non consumir alcohol, intentando fomentar a responsabilidade individual e colectiva que todos temos como medio para previr e evitar o consumo abusivo que se fai desta substancia.
A campaña pretende facer fincapé en mensaxes concretas acerca dos beneficios que nos aportan o non consumir alcohol, en diferentes áreas das nosas vidas: a túa memoria e capacidade de aprender mellora, menos violencia, máis respecto, crearás relacións máis fortes cos amigos, familia e parella, haberá menos probabilidade de que probes outras substancias, terás sexo con sentido e consentido…
Para isto, deseñáronse diversos materiais que se distribuirán entre os centros de Saúde do concello e Hospital comarcal, asociacións e clubes deportivos e centros de ensino de secundaria dos concellos de Ribeira, Boiro e Porto do Son. Dándolle tamén difusión nas redes sociais da entidade.