31 de maio: Día Mundial Sen Tabaco
29/05/2013
Cada ano, o 31 de maio, a OMS e asociados de todo o mundo celebran o Día Mundial Sen Tabaco, dedicado a resaltar os riscos para a saúde asociados ao consumo de tabaco e promover políticas eficaces para reducir ese consumo. O consumo de tabaco é a principal causa evitable de defunción no mundo, e actualmente mata a un de cada 10 adultos en todo o mundo.
O tema do Día Mundial Sen Tabaco 2013 é a prohibición da publicidade, a promoción e o patrocinio do tabaco.
En virtude do Convenio Marco da OMS para o Control do Tabaco, cada unha das Partes no devandito tratado debe impor a prohibición total de calquera forma de publicidade, promoción e patrocinio nun prazo de cinco anos a partir da entrada en vigor do Convenio para esa Parte. As probas acumuladas mostran que a prohibición completa da publicidade reduce o número de persoas que adquiren ou manteñen o hábito de fumar. As estatísticas mostran que a prohibición da publicidade e o patrocinio do tabaco é unha das medidas máis costo-eficaces para reducir a demanda de tabaco e constitúe por tanto unha dos “mellores investimentos” para combatelo.
Obxectivos
A epidemia mundial de tabaquismo mata cada ano a case 6 millóns de persoas, das cales máis de 600.000 son non fumadoras que morren por respirar fume alleo. A menos que actuemos, a epidemia matará a máis de 8 millóns de persoas cada ano cara a 2030. Máis do 80% desas mortes evitables corresponderán a persoas que viven en países de ingresos baixos e medianos.
O obxectivo primordial do Día Mundial Sen Tabaco é contribuír a protexer ás xeracións presentes e futuras non só desas consecuencias devastadoras para a saúde, senón tamén dos flaxelos sociais, ambientais e económicos que se derivan do consumo de tabaco e a exposición ao fume que desprende.
Os obxectivos específicos da campaña de 2013 son os seguintes:
- Alentar aos países a aplicar o artigo 13 do CMCT da OMS e as súas directrices para prohibir totalmente a publicidade, a promoción e o patrocinio do tabaco, de tal maneira que diminúa o número de persoas que empecen a fumar ou sigan facéndoo.
- Impulsar as actividades locais, nacionais e internacionais tendentes a contrarrestar os esforzos despregados pola industria tabacaleira para socavar as medidas de control do tabaco, en particular as iniciativas con que esa industria pretende obstaculizar ou anular a prohibición total da publicidade, a promoción e o patrocinio do tabaco.
Actividades 2013
O 31 de maio con motivo da celebración do Día Mundial sen Tabaco, dende a Asociación Renacer temos previsto levar a cabo unha serie de actividades de sensibilización e información co alumnado dos centros de secundaria e coa poboación en xeral.
Nos centros de secundaria repartiranse folletos e material informativo diverso e, ademais, farase intercambio de caramelos por cigarros, e ofertaranse alternativas e recursos para deixar de fumar.
En canto as actividades para poboación xeral, instalaremos na praza do concello unha mesa informativa en horario de 11 a 13 horas. Na mesma repartirase material diverso sobre as consecuencias do hábito tabáquico e información sobre recursos para deixar de fumar.
Ademais da labor informativa, proporcionarase asesoramento, tentarase concienciar á poboación da importancia de desenvolver hábitos saudables e cambiaranse cigarros por caramelos. As persoas fumadoras que o desexen poderán facerse unha cooximetría, realizada por persoal sanitario, de cara a coñecer a cantidade de monóxido de carbono no aire que expiran e, polo tanto o risco de desenvolver unha enfermidade cardiovascular.
Previamente a estas actividades nos centros de secundaria estanse desenvolvendo obradoiros cós rapaces/as para conciencialos do risco que conleva o tabaco para a saúde.