A problemática asociada ó consumo de drogas resulta especialmente inquietante en comunidades como Galicia, na que se asentan numerosas e importantes redes de narcotraficantes. A magnitude do problema que enfrontamos resulta por todos coñecida; superar ou, cando menos, mitigar os seus efectos é un dos grandes retos da sociedade galega.
Dentro das estratexias orientadas a lograr a redución da demanda, destacan especialmente as accións de prevención e sensibilización social, que se revelaron como a máis eficaces para facer fronte á apatía, a banalización do consumo e o alto grado de permisividade e tolerancia que parecen haberse instalado na sociedade.
Panos Brancos contra Droga
Concibida como unha campaña de sensibilización social, Panos Brancos converteuse desde a súa primeira edición no maior e máis contundente movemento social de rexeitamento ás drogas e o narcotráfico, facendo unha aposta en positivo pola saúde fronte ós graves problemas que supoñen as adicións e o tráfico de drogas.
Promovida e organizada pola Fundación Galega Contra o Narcotráfico, a campaña desenvolveuse o longo destes últimos anos a través de diferentes actos públicos mediante os cales os cidadáns pronúncianse en contra da droga e as bandas criminais do narcotráfico, utilizando principalmente a simboloxía de panos e bandeiras brancas como icona visible do seu compromiso.
A campaña diríxese a toda a sociedade galega, con especial atención para o colectivo de mozos e mozas, un dos grupos máis vulnerables fronte a este problema e faise cada ano de xeito itinerante por diversas cidades de Galicia, sendo Riveira este ano o lugar escollido.
No desenvolvemento das diversas actividades que se levarán a cabo dende agora, e rematarán coa conmemoración do Dia Mundial contra o Tráfico Ilícito e o Uso Indebido de Drogas participan a Asociación Antidroga Renacer , Fundación Galega contra o Narcotráfico e o Concello de Riveira.