26 de xuño: Por un mundo libre de drogas

Pancarta da campaña

23/06/2017

Con motivo da conmemoración, o luns 26 de xuño, do Día Internacional da Loita contra o Uso Indebido e o Tráfico Ilícito de Drogas, a Asociación Renacer despregará a partir do venres día 23 unha pancarta desde o balcón do edificio do concello, ao obxecto de xerar unha reflexión acerca de que como o consumo destas sustancias constitúe un do vinte principais factores de risco para a saúde a nivel mundial.

Ademais estes días estamos facendo o reparto da guía "Crecendo con eles e elas" a través do alumnado de 6º de Educación Primaria, para que lla fagan chegar os seus proxenitores.

En total repartíronse 275 guías nos centros escolares de Educación Primaria do municipio.

Na mesma, o longo de 150 páxinas, abórdanse os seguintes temas: cambios no desenvolvemento evolutivo dos nenos/as, o papel socializador da familia, os estilos educativos, pautas educativas básicas, normas e limites, dos 6 ós 12 anos (comunicación, pais/nais formativos e disciplina), dos 12 ós 16 (paso a secundaria, autoestima e resolución de conflitos), promoción da saúde (consumo de drogas, trastornos da alimentación, acoso escolar e o abuso das TICS) e educación afectivo sexual.

Elixiuse este grupo de idade para distribuír este material informativo xa que na adolescencia temperá, cando os nenos/as pasan da etapa de primaria á secundaria, é cando se enfrontan a situacións sociais e académicas novas e desafiantes. A miúdo, durante este período, están expostos a sustancias que se prestan ao abuso (como os cigarros e o alcol) por primeira vez e tamén cando pódense enfrontar a unha maior dispoñibilidade de drogas, ao consumo por parte de adolescentes maiores que eles/elas, ou a actividades sociais onde o consumo é común.

Por iso consideramos que é importante que os pais/nais dispoñan de recursos que os axuden nesta nova etapa dos seus fillos/as. Os temas que se recompilan na guía constitúen un resumo dos que ó longo dos últimos anos vimos traballando nas Escolas de Pais e Nais e nos diferentes obradoiros realizados, e polo tanto os máis demandados polos propios proxenitores. Ademais da información xeral tamén se recollen unha serie de orientacións que esperamos sirvan de recurso de consulta e reflexión sobre a “tarefa de ser pai/nai”.

As orientacións que ofrece son xerais, dado que cada familia é diferente, e a maneira de relacionarse cos fillos/as é sempre especial. Son, polo tanto, propostas xerais para a adaptar á relación específica que cada pai/nai mantén cos seus fillos/as.