26 de xuño: Día Internacional da Loita contra o Uso Indebido e o Tráfico Ilícito de Drogas

Cartel da campaña

26/06/2013

Neste Día Internacional da Loita Contra o Uso Indebido e o Tráfico Ilícito de Drogas, apelo aos gobernos, os medios de información e a sociedade civil para que fagan todo o posible por crear conciencia do dano que causan as drogas ilícitas e para axudar a impedir que haxa persoas que se benefician do seu uso”. Ban Ki-moon, Secretario Xeral.

En 1987, a Asemblea Xeral decidiu establecer o día 26 de xuño de cada ano como o Día Internacional da loita contra o uso indebido e o tráfico ilícito de drogas, para dar unha mostra da súa determinación en fortalecer as actividades necesarias para alcanzar o obxectivo dunha sociedade internacional libre do abuso de drogas. Xa que, a pesar dos redobrados esforzos da comunidade internacional, o problema mundial das drogas seguía pondo en grave perigo a saúde e a seguridade pública e o benestar da humanidade, en particular dos nenos/as e os mozos/as, e ameazando a seguridade nacional e a soberanía dos Estados, e que socavaba a estabilidade socioeconómica e política, así como o desenvolvemento sustentable.

“Colócate coa vida”

A loita contra a droga enfróntase a un novo problema: disparouse a demanda de sustancias fora do control internacional. Por iso a ONUDD lanzou unha nova campaña mundial en 2013, “Colócate coa vida non coas drogas”, que ten como obxectivo informar o público, e especialmente aos mozos/as, dos efectos nocivos das novas sustancias psicoactivas. En venda libre, mesmo por Internet, estas sustancias, que non foron probadas en seres humanos, poden ser moito máis perigosas que as drogas tradicionais.

Comercializadas como “euforizantes legais”, “produtos químicos de investigación”,”comida vexetal” e “sales de baño”, as novas sustancias psicoactivas están a proliferar a un ritmo sen precedentes. O uso destes termos dá unha aparencia de legalidade e fai pensar aos mozos/as que non corren riscos. A etiquetaxe intencionalmente incorrecta dalgunhas sustancias psicoactivas como “non apto para o consumo humano” permítelles evadir os controis de drogas.

O gran número de sustancias psicoactivas que aparecen, case semanalmente, ao que se engaden a falta de comprensión dos efectos adversos e o potencial aditivo destas sustancias non controladas, supoñen un importante reto á saúde pública. A miúdo, a diferenza entre unha dose “segura” e unha dose tóxica é moi pequena e as sustancias psicoactivas asociáronse a mortes, delirio e comportamentos violentos. A mestura destas sustancias, que ás veces se compran sen saber, tivo efectos impredicibles e ás veces desastrosos.

Todos temos un papel que desempeñar para protexer á mocidade das sustancias perigosas. A ONUDD lidera a Campaña anual Mundial sobre as Drogas para subliñar que as drogas ilícitas representan un perigo para a sociedade.

Fonte: ONUDD