01-10-2013
España suspende en saúde sexual e anticoncepción
A principios dos anos 80 en España, tan só o 20% das mulleres en idade reprodutiva usaba métodos anticonceptivos. A día de hoxe, esa cifra aumenta até máis do 70%. O progreso e o cambio é notable, pero en cuestión de poucos anos, todo parece que se estancou.
Así o pon de manifesto o estudo “Barómetro do acceso ás mulleres á libre elección de anticonceptivos”, realizado a nivel europeo: "A estratexia de saúde sexual e reprodutiva deixou de ser unha prioridade e paralizouse, na práctica, a súa aplicación". Pero ademais, con respecto a España, as cousas van alá: "O Goberno español paralizou a estratexia de saúde sexual e reprodutiva, o que produciu un retroceso no acceso a métodos anticonceptivos seguros e eficaces, dificultades tamén nos accesos aos servizos de planificación familiar e ausencia de implementación dunha política de formación tanto a estudantes como a profesionais e responsables da saúde", afirma o presidente da Federación de Planificación Familiar Estatal (FPFE), Luís Enrique Sánchez Aceiro.