Novas

Mans escribindo no teclado dun ordenador

08-09-2014

Menores e Internet: recomendacións

Os pais/nais poden ser moi protectores cos seus fillos/as cada vez que pon un pé fóra de casa pero aínda non son conscientes de que ás veces o risco está dentro do fogar. Ao redor de 27.000 adolescentes confesan contactar con estraños/as por internet, máis de 9.000 recoñecen que chegaron a citarse en persoa con descoñecidos/as e uns 3.400 foron chantaxeados/as con difundir fotos eróticas súas, segundo o recente estudo “Mocidade on line” da Universidade de Santiago de Compostela e dirixido por Antonio Rial Boubeta, profesor de Ciencias do Comportamento.

Rapaza diante dun ordenador

05-09-2014

“Mocidade on line”: estudo sobre os hábitos tecnolóxicos dos/as adolescentes galegos

O estudo “Mocidade on line”, realizado pola Universidade de Santiago de Compostela, permite determinar con precisión os riscos que os/as adolescentes galegos asumen na súa relación con Internet. O traballo permitiu concluír que o nivel de risco de adicción a Internet entre os/as adolescentes galegos é moderado. Preto do 82% dos mozos/as están a facer un uso adecuado da Rede, aínda que, segundo recollen os resultados, hai un 4% que presenta sinais de uso problemático en canto a unha posible conduta adictiva.

Radiografía pulmóns

27-08-2014

Os fumadores/as de tabaco de lear presentan maior concentración de monóxido de carbono

Un estudo publicado en “Prevención do Tabaquismo” revela que o 30% dos consumidores/as de tabaco pasáronse a esta clase pensando que era máis saudable.

Os fumadores/as de tabaco de lear presentan concentracións máis altas de monóxido de carbono no seu aire expirado que os fumadores/as de tabaco manufacturado a pesar de que estes últimos/as consomen un número máis alto de cigarros diarios (18,5 fronte a 27,9. A explicación é bastante simple, xa que a pesares de consumir menos, os fumadores/as de tabaco de lear tenden a dar máis caladas e máis profundas. Afirma Carlos Jiménez Ruiz, director do Programa de Investigación en Tabaquismo da Sociedade Española de Pneumoloxía e Cirurxía Torácica.

Man suxeitando un cigarro

18-08-2014

A venda de tabaco cae á metade en cinco anos

A venda de tabaco nos estancos e os bares caeu en picado en cinco anos. Fai un lustro vendéronse de maneira legal en España 90.290 millóns de cigarros. O ano pasado despacháronse 47.508 millóns, un 47% menos. A tormenta perfecta formouse ao redor desta industria: ao endurecemento da lei antitabaco e as sucesivas subidas de impostos sumouse a perda de poder adquisitivo pola crise, que á súa vez impulsou o contrabando e a procura de alternativas máis baratas. No medio destas augas revoltas hai algúns gañadores: os impulsores das marcas de baixo custo, que se reparten xa máis do 11% do mercado.

Sinal de advertencia

18-07-2014

Os apartados "Novas" e Pregúntanos" temporalmente fora de servizo

Dende o día 21 de xuño ata 10 de agosto, ambos inclusive, os apartados de “Novas” e “Pregúntanos” da nosa web estarán temporalmente fora de servizo. Poderanse consultar pero non se actualizarán novas nin se contestarán a preguntas.

Para calquera información e/ou dúbida, poden:

• Acudir ó noso local social sito na Rúa Agustín Fernández Oujo, 15 A – Entrechán , en horario de 9 a 14 horas.

• Chamar o noso teléfono: 981 87 40 86, en horario de 9 a 14 horas.

• Enviarnos un correo electrónico a: renacer@asociacion-renacer.org

Desculpen as molestias.

Asociación Renacer

Textura de xel

10-07-2014

Un xel para previr a infección polo VIH por vía sexual

Facultativos do Laboratorio de Inmunobioloxía Molecular do Hospital Gregorio Marañón da Comunidade de Madrid, en colaboración con investigadores da Universidade de Alcalá de Henares, desenvolveron un xel que tería o potencial de previr a infección polo VIH durante o acto sexual, que xa superou os experimentos in vitro e a proba de concepto con animais cunha efectividade do 85%.

Trátase dun xel ou microbicida de uso tópico para mulleres e homes sans de aplicación vaxinal ou rectal que ofrece un método de protección fronte ao contaxio polo VIH durante o acto sexual. Tanto a xefa de sección do Gregorio Marañón e responsable do proxecto, María Ángeles Muñoz, como o profesor titular do departamento de Química Orgánica da Universidade de Alcalá de Henares, Javier de la Mata, aseguraron que esta investigación, que se atopa en fase preclínica, superou os ensaios en ratos humanizados, previa á proba en humanos. Este xel está baseado no dendrímero 2G-S16, que é un tipo de partícula microscópica, que bloquea a infección de células epiteliais e do sistema inmune fronte ao VIH.

Cocaína en po

10-07-2014

A cocaína chega ao corazón: o seu consumo a longo prazo acaba por afectar á saúde

Dilatación e disfunción contráctil de ventrículo esquerdo e dereito, hipertrofia do ventrículo esquerdo ou focos de fibrose focal. Son os trastornos máis frecuentes que presentan os adictos/as á cocaína que sofren algún tipo de afectación cardíaca. Aínda que non presenten síntomas, segundo un estudo realizado en España e Reino Unido, até o 71% dos cocainómanos/as presentan algún tipo destas patoloxías.

No estudo, publicado no Journal of Cardiovascular Magnetic Resonance, incluíronse de forma consecutiva 94 persoas con adicción a cocaína (81 deles homes). A todos/as se lles fixo unha cardiorresonancia magnética con estudo morfolóxico e funcional do corazón e a aorta, así como de detección de inflamación ou fibrose focal do miocardio. Nos primeiros 50 pacientes tamén levou a cabo un estudo de detección de isquemia.

Cartel da campaña

25-06-2014

26 de xuño: Día Mundial Contra a Droga

A Oficina das Nacións Unidas contra a Droga e o Delito encabeza a campaña internacional de concienciación sobre o gran problema que supoñen as drogas para a sociedade no seu conxunto, e especialmente para os mozos/as. O obxectivo da campaña é mobilizar apoios e inspirar á poboación para que actúe contra o abuso e o tráfico de drogas. A campaña alenta á mocidade a coidar ante todo a súa saúde e non consumir drogas.

Mozo sentado no parque

11-06-2014

Que influencia teñen os pais no risco de consumo de drogas dos seus fillos/as?

Unha investigación do Instituto Europeo de Estudos en Prevención (Irefrea), xunto con outras universidades españolas (Oviedo, Santiago de Compostela e Valencia) e europeas determinou que os estilos parentais “autorizativo” e “indulxente” son os que presentan o maior nivel de protección fronte ao consumo de drogas.

O estudo analizou o papel dos pais á hora de determinar o risco do consumo de alcol, tabaco e cannabis de fillos/as seis países de Europa: Suecia, Reino Unido, España, Portugal, Eslovenia e a República Checa. O obxectivo do estudo era pescudar que tipo de relación entre pais e fillos/as protexe máis do abuso de drogas, a partir de dúas variables: o control e o afecto dos pais.

Cartel da campaña

28-05-2014

Día Mundial Sen Tabaco 2014

Cada ano, o 31 de maio, a OMS e asociados de todo o mundo celebran o Día Mundial Sen Tabaco, dedicado a resaltar os riscos para a saúde asociados ao consumo de tabaco e promover políticas eficaces para reducir ese consumo. O consumo de tabaco é a principal causa evitable de defunción no mundo, e actualmente mata a un de cada 10 adultos en todo o mundo.

Para o Día Mundial Sen Tabaco 2014 fan un chamamento aos países para que aumenten os impostos ao tabaco, baixo o lema “Máis impostos sobre o tabaco, menos mortes e enfermidades”.