1 de decembro de 2016: Día Mundial da SIDA
30/11/2016
Cada 1 de decembro, Día Mundial da SIDA, persoas de todo o mundo suman esforzos para xerar unha maior conciencia do que supón o VIH/SIDA e mostrar solidariedade internacional ante a pandemia.
Este evento brinda a todos os/as copartícipes, tanto públicos como privados, unha das máis oportunidades máis claras para dar a coñecer a situación e impulsar avances en materia de prevención, tratamento e atención aos afectados/as nos países con elevada prevalencia e tamén no resto do mundo.
A Asociación Renacer levará a cabo unha serie de actos informativos nos vindeiros días. Estes actos están dirixidos á poboación en xeral e a mocidade en particular, tentando concienciar acerca da importancia da prevención na loita contra a SIDA e a de involucrarse na súa detección precoz.
O vindeiro xoves 1 de decembro instaláranse diversas mesas informativas na rúa peonil e nos tres institutos de ensinanza secundaria nas que se repartirán lazos vermellos, material informativo e preservativos, en horario de mañá. Este ano contaremos ca colaboración dos usuarios /as da Asociación Ambar.
Ademais este ano súmanmos á campaña nas redes socias promovida por ONUSIDA, Levantemos as mans pola #prevenciónVIH, que brinda un espazo para que as persoas expresen os seus puntos de vista sobre o que cren que hai que facer para fortalecer os esforzos de prevención do VIH.
Para iso piden aos cidadáns de todo o mundo que presenten unha fotografía coa man levantada cunha palabra ou unha frase curta escrita na palma da man, en relación á prevención do VIH , como, por exemplo: máis preservativos, empoderamento, inclusión, profilaxis preexposición (PrEp, )dereitos das mulleres e as nenas,redución do dano, diagnóstico precoz, non á violencia, cero discriminación, proba VIH, ….
Estas actividades englóbanse no programa de prevención do VIH-SIDA e outras ITS da Asociación Renacer e complementan a labor que se está a levar a cabo cos mozos e mozas nos centros de ensino secundario a través de diversos obradoiros de Educación Afectivo-Sexual e Sexo Seguro.
Non debemos baixar a garda, aínda que falemos de números non debemos esquecer que estamos a falar de persoas. 78 millóns de persoas que contraeron a infección polo VIH e 35 millóns morreron por mor de enfermidades relacionadas coa SIDA desde que apareceron os primeiros casos.
Estamos a gañar a batalla contra a epidemia de sida, pero non vemos eses avances en todas partes. O número de novas infeccións polo VIH non se está reducindo entre a poboación adulta, e as mulleres novas corren un risco maior de contraer a infección polo VIH.