PROTEXER Á INFANCIA DA INTERFERENCIA DA INDUSTRIA TABACALERA

Protexer a infancia

09/05/2024

Os nenos e nenas que empregan cigarros electrónicos e ou vaper teñen o dobre de posibilidades de fumar cigarros máis tarde na súa vida.

O día Mundial sen Tabaco 2024 proporcionará unha plataforma á mocidade de todo o mundo, que demandan que a industria tabacalera deixe de dirixirse a este grupo da poboación con produtos nocivos para a saúde. A mocidade está pedindo ós gobernos que adopten políticas que os protexan das prácticas manipuladoras das industrias tabacaleras e outras industrias afíns, incluída a comercialización incesante dos seus perigosos produtos alternativos (cigarro electrónico ou vaper), tendo tamén en conta a comercialización incesante dos seus produtos a través das redes sociais e das plataformas de streaming.

Hai 1300 millóns de persoas consumidoras de tabaco en todo o mundo. O tabaco mata ó redor de 8 millóns de persoas cada ano (máis de 7 millóns de persoas fumadoras en activo e máis de 1 millón de persoas non fumadoras expostas ó fume alleo). A esperanza de vida das persoas fumadoras é de 10 anos menor ca das persoas non fumadoras.

O tabaco é o único produto de consumo legal que mata ata a metade das persoas consumidoras cando se emprega exactamente de acordo ás indicacións do fabricante. As empresas tabacaleras gastan ó ano máis de 8000 millóns de dólares en marketing e publicidade.

FONTE: OMS (Organización Mundial da Saúde)