Papel da familia
Aceptar a sexualidade dos nosos fillos/fillas tal como eles/elas a viven e expresan é un fermoso reto que nos esixe respecto, tolerancia, comprensión, tacto, sensibilidade e moito agarimo. Por que non gozar do desenvolvemento sexual dos nosos fillos/as de igual forma a como o facemos, por exemplo, cando vemos como van crecendo ou como van aprendendo novas habilidades?.
Favorecer o diálogo, crear un clima de confianza e comunicación; escoitar, falar regularmente e estar dispoñibles; que eles e elas aprendan a razoar e a tomar decisións, serán elementos craves dentro da educación sexual que podamos ofrecerlles. Pero moitas veces, a verdadeira barreira que nos separa aos pais e nais dos nosos fillos e fillas é nosa propia sexualidade. Debemos falar desta tema na parella.
Non podemos ser alleos/as á Educación Sexual
Aínda que non sexamos conscientes diso, educamos sobre sexualidade ós nosos fillos/as continuamente, a través dos nosos pudores, as nosas caricias, os nosos silencios ou opinións. Transmitimos valores e actitudes que van definir a forma en que van vivir a súa sexualidade no futuro. Con independencia das responsabilidades que en relación con este tema recaian en "terceiras" persoas ou institucións (profesorado, escola, sanitarios, centros de información en sexualidade, Administración...), pais e nais temos as nosas, desde o inicio da nosa paternidade e maternidade.
Por iso, é necesario que asumamos o noso protagonismo e aceptemos que a educación sexual é algo máis que falar de preservativos ou contar de onde veñen os nenos/as. Unha educación sexual de calidade debe dirixirse a que os nosos fillos e fillas aprendan a coñecerse, a aceptarse e a expresar a súa sexualidade de modo que sexan felices. E todo iso partindo dunha premisa que debemos ter moi clara; todos os pais e nais estamos perfectamente capacitados para transmitir unha educación sexual de calidade.
Ninguén a vai asumir por nós/as..., e ademais, a nosa implicación é necesaria.
A información, as nosas indicacións teranse que adecuar á idade, ao xénero, ao desenvolvemento evolutivo, nunha palabra, haberá que particularizar a nosa axuda ás características específicas dos nosos fillos/as, e chegado o momento e antes de que empecen a ter relacións sexuais, haberá que explicarlles que estas poden entrañar riscos cando se realizan sen unha mínima reflexión e sentido da responsabilidade. Riscos que poden truncar o proxecto vital, os plans de futuro dos nosos/as adolescentes, como é a posibilidade dun embarazo non desexado ou a adquisición dunha infección de transmisión sexual, entre as que destaca, pola súa gravidade, o VIH/Sida, e que teremos que asegurarnos que non son ignorados polos nosos fillos, como tamén haberá que ter en conta as tensións, angustias?, que na esfera do emocional poidan ocorrer e que do mesmo xeito requirirán a nosa atención.
Pais e nais desempeñamos desde o inicio un papel básico, aínda que non exento de limitacións, na educación sexual dos nosos fillos e fillas. É tarefa dos pais dar agarimo e afecto, advertir contra os riscos e establecer límites e normas aos fillos e fillas, pero debe haber unha fronteira que respecte a súa intimidade. Os nenos e nenas desenvolven as súas primeiras experiencias sexuais e sensuais con outros nenos e nenas e estas primeiras experiencias deben darse nun contexto de certa privacidade con relación aos pais/nais. Esta necesaria independencia faise máis acusada na adolescencia. Sexualidade e independencia refórzanse mutuamente. Tamén hai que aceptar que a familia ten un papel moi limitado como interlocutora de cuestións "íntimas".
Dinse máis cousas co corpo que coa palabra
Con todo, pais e nais podemos construír un marco de referencia con nosa propia forma de comportarnos e de establecer as relacións persoais, onde o implícito adquire unha extraordinaria importancia, en tanto relacionado con actitudes e comportamentos, fronte ás limitacións do explícito, en tanto discurso teórico. Deica que poñamos especial coidado para que haxa coherencia entre o que dicimos e o que facemos.
É esperable e perfectamente normal (e ademais, san) que nun momento dado da adolescencia, cando os nosos fillos/fillas empezan a vivir novas inquietudes sexuais e teñen necesidade de falar diso, busquen outros interlocutores diferentes aos seus pais. Entón será importante que lles facilitemos información sobre recursos existentes onde poidan acudir para obter información e, chegado o caso, onde poidan recibir atención sanitaria (p. ex., para o uso de anticonceptivos...).
Pero tamén temos cousas ao noso favor: calquera pai ou nai está capacitado para facer Educación Sexual
Non é necesario ser experto ou experta, basta con coñecer unha boa información básica sobre os aspectos máis relevantes e non deixarnos levar polos nosos medos, tabús, etc. Ás veces é suficiente con saber que recursos hai no barrio, pobo, cidade onde poder derivarlles para que sexan informados e/ou atendidos/as.
Non hai que ter medo ás preguntas dos nosos fillos e fillas. Algunhas veces non buscan unha resposta "académica" e si unha provocación, unha forma de ver como reaccionamos. Outras pode tratarse dunha invitación ao xogo, ao diálogo. Ademais, a solución non está nas respostas que deamos senón nas respostas que eles ou elas atopen. É o camiño que ten que percorrer ata atopar esas propias respostas o verdadeiramente importante.
Por isto o obxectivo que perseguimos é aportar algunhas ideas sinxelas que nos sirvan de guía para educar sobre sexualidade ós nosos fillos e fillas e que nos sexa de utilidade e que nos axude a recapacitar e mellorar o noso papel educativo ante o dereito dos nosos fillos e fillas a levar unha vida sexualmente satisfactoria.
Amigos/as, conselleiros/as? Paise nais. Os nosos fillos/as necesitan un pai e unha nai, rol que non ten substituto nin substituta. Despois virá cal é a mellor forma de exercer este rol.