Comunicación
A comunicación facilita a madurez e a seguridade, á vez que serve para acercar os membros dunha familia, xa que se comparte a vida interior, escóitanse, discútense puntos de vista que enriquecen a todos/as. A primeira vítima da incomprensión familiar soe ser a comunicación entre os seus membros.
¿Que é?: Variables que a regulan
A comunicación é a transmisión e recepción de mensaxes entre un mesmo/a e/ou diversas persoas, nun contexto determinado, coa intención de conectar, compartir, e persuadir: converténdose no eixe fundamental do desenvolvemento do ser humano e das relacións humanas.
Na comunicación establecese un proceso continuo de intercambio recíproco de emocións, ideas, condutas verbais e non verbais, que permiten ou dificultan o desenvolvemento das relacións intra ou interpersoais dos membros fa familia, creando un clima que propicia ou dificulta a negociación, o entendemento, a comprensión e o apoio mutuo, a nivel persoal, familiar ou social. O proceso de comunicación é recíproco e interactivo, os roles do receptor/a e do emisor/a vanse simultaneando continuamente.
A continuación presentámosche un esquema que pode axudarche a comprender o proceso de comunicación e as variables que nel interveñen:
Ademais no proceso comunicativo existen unha serie de variables persoais que tamén inflúen e que debemos ter presentes para modular a súa influenza:
- o estado emocional: o noso estado de ánimo modula, filtra e regula as relacións interpersoais e polo tanto a comunicación vese afectada. Polo tanto, debemos controlar as nosas emocións e ser conscientes do noso estado de ánimo e reflexionar sobre os nosos sentimentos e os dos/as demais favorecerá o clima familiar.
- o estado físico: o cansazo, o nerviosismo, a irritación, o relax, ...
- a motivación: o interese, as gañas de falar, escoitar,...
- os prexuízos: a predisposición, a favor ou en contra, xerada por experiencias previas compartidas poden facernos emitir xuízos de valor sen evidencia empírica e actuar en consecuencia ; polo que é moi importante contrastar a información.
- a historia persoal: as experiencias previas vividas entre o receptor/a e o emisor/a determinan as relacións persoais posteriores.
- a escala de valores: os valores son pautas que orientan o noso comportamento. A importancia ou interese que mostramos a unha persoa, acción, palabra, ... ven determinada por esa escala de significación.
- as distorsións cognitivas: a nosa forma de pensar, procesar e interpretar a realidade, determina en grande medida a nosa comunicación. Nalgunhas ocasións, desenvolvemos unha serie de pensamentos que terxiversan a información que recibimos ocasionándonos dificultades nas nosas relacións. Debido a isto debemos identificalas pra así poder combatelas.
- a sobrexeneralización e etiquetación: tendemos a etiquetar as persoas en base a un feito concreto e extrapolalo a outras facetas da súa vida.
- a capacidade de empatía: a habilidade para poñerse na pel do outro/a e expresar que o percibimos e o entendemos.
A comunicarse tamén se aprende
Podemos chegar a sorprendernos da cantidade de matices que implica a comunicación que temos cos nosos fillos/as. Pero iso, é o que pretendemos aquí: sensibilizar, como pais/nais do papel tan importante que xoga a comunicación na dinámica familiar e o seu potencial para que resulte positiva.
Ti es o único/a responsable da comunicación co teu fillo/a, pero non es culpable. Os pais/nais somos unha variable moduladora moi importante pero non é única nin exclusivamente determinante. A comunicación é un circulo onde se estable unha reciprocidade: recíbese o que se da, o que determina o ambiente familiar. Se desexas diminuír o número de conflitos intenta na túa familia aumentar a comunicación positiva e diminuír a negativa. Aínda que, ás veces, a comunicación de cousas negativas é inevitable, hai varias formas de comunicalo e podes e aprender a facelo do xeito máis operativo e agradable posible. Para o que debes ter en conta como dis as cousas.
Tipos de comunicación
A comunicación verbal e non verbal compleméntanse entre si, producindo un efecto sinérxico á hora de mellorar as relacións interpersoasis. Mentres o aspecto verbal transmite os contido informativos, o aspecto non verbal transmite sentimentos e as emocións do emisor/a que mediatizarán a interpretación da mensaxe verbal por parte do receptor/a.
Comunicación verbal:
A linguaxe verbal é o medio mais empregado para a comunicación persoal e interpersoal. Está composta basicamente polas palabras e as frases que representan as ideas, as accións, os sentimentos e as emocións que transmitimos os nosos interlocutores/as para que coñezan o que pensamos respecto á vida.
As persoas, os pais/nais, ... temos a capacidade de automatizar gran cantidade de información na nosa memoria. Esta capacidade, por regra xeral, non sempre segue criterios ou filtros racionais. Ante unha situación critica ou non habitual que nos desborda, soémonos deixar levar pola costume, polas nosas emocións, impulsos,... Existen, pois pensamentos automáticos que pode prexudicarnos, xerar emocións inaxeitadas e condutas desadaptativas. Estas tendencias están automatizadas, non somos conscientes que nos poden estar afectando. Son a nosa representación da realidade, das relacións cos nosos fillos/as, coa nosa parella, ... e polo tanto non soemos plantexarnos outra maneira de interpretar o que nos ocorre. Analizamos a realidade de forma ríxida, parcial, distorsionamos ou terxiversamos a realidade para que se adapte a etiquetas ou esquemas previos (por exemplo: "pensa mal e acertarás",...): a partires de duns feitos aillados concluímos un feito sen fundamento e a nosa conduta posterior será guiada por esas "sinais inequívocas", o que fará que entremos nun círculo vicioso.
É importante non só poñer atención no que as persoas din, senón tamén ó que non din con xestos, movementos, ... a forma e o contido da mensaxe complementase, matízanse. Unha mesma mensaxe pode ter un significado diferente en función do ton de voz, da mirada.
Comunicación non verbal:
A comunicación non verbal ten un grado maior de consistencia que a linguaxe verbal. Os xestos e posturas exteriorizan o que cada interlocutor/a pensa realmente e acontecen nun tempo apenas perceptible para a nosa mente.
Segundo se relacione a familia, favoreceranse unhas expresións máis ca outras: sorrisos, caricias, ... Cada un/ha aprende a mostrar ou a encubrir máis ou menos as súas emocións e sentimentos.
Na comunicación non verbal existen moitos elementos, aquí mostrarémosvos os que se soen dar máis a miúdo:
- A mirada: úsase para expresar emocións, desexo de establecer relacións, ou pola contra pode reflectir desexo de non relacionarse. Pode ser unha boa forma de iniciar unha conversa.
- A expresión da cara: comunicamos o interese e a comunicación cara a unha persoa ou situación. Infórmanos de moitas cousas: de se o que se di está comprendido, suscita acordo, e de calquera sentimento ou reacción emocional.
- O sorriso: é clave nas relacións interpersoais. Demostra aceptación, distensión, agrado, ledicia,... É a mellor porta de entrada e tarxeta de presentación.
- O ton de voz: é especialmente importante aprender a controlar a modulalo xa que soe variar moito segundo o estado de ánimo no que te atopes.
- A postura, o modo de sentarnos, de permanecer de pé ou a forma de andar, ademais de reflectir o estado emocional dunha persoa, pode revelar tamén as actitudes e sentimentos cara a un mesmo/a e cara ós/ás demais.
- Os xestos coas mans, serven para dar forza ás mensaxes verbais e ás veces substitúen ás palabras. Deben adaptarse ó contido da mensaxe e non deben ser agresivos nin tampouco monótonos e deben indicar tranquilidade e calidez no dialogo.
- A proximidade/distancia entre os interlocutores/as dá pistas do tipo de relación que existe entre ambos.
- O contacto físico é usado xeralmente para expresar cordialidade ou simpatía, amor, afecto, medo... Tamén se usa para expresar agresión.
Coherencia entre a linguaxe verbal e non verbal:
Como ves, o feito de non falar non significa que non haxa comunicación, agora ben, a interpretación da mensaxe depende a miúdo da consistencia entre a linguaxe verbal e a non verbal. Deben manter unha relación coherente para que as mensaxes sexan recibidas de xeito fiable. É dicir, non debe de haber unha DOBRE MENSAXE: en ocasións dicimos cousas ó mesmo tempo que coa nosa expresión verbal indicamos un significado diferente. Senón é así, a mensaxe quedará descualificada e vai a primar a información non verbal, posto que é mais fácil disimular os aspectos verbais sobre os non verbais e, ademais, esta última é inevitable na comunicación. Isto pode provocar rexeite e confusión en quen nos está a escoitar: empregar expresións non verbais negativas para dicir cousas positivas, e viceversa.
Non obstante, a comunicación entre persoas sempre se presta a interpretación. A interpretación da linguaxe non verbal é moi subxectiva por que a interpretamos literalmente, é dicir, entendemos o seu significado ó pe da letra. Para este fin é moi útil parafrasear a información: verbaliza, expresa con palabras como interpretas a información que o emisor/a che envía.
Barreiras máis comúns na comunicación:
O éxito ou fracaso nas relacións con nosos seres máis queridos/as esta regulado por unha serie de variables e pautas que a continuación che presentamos. O seu coñecemento e control permitiranche afrontar con máis posibilidades de éxito os intentos de conexión do teu fillo/a a ti ou dos teus a el/a, propiciando un ambiente familiar san.
¿Por que pode fallar a comunicación?. Unha familia con problemas na súa comunicación probablemente atoparase con moitas das barreiras que che presentamos q continuación e é conveniente coñecelas para evitalas dentro do posible:
- Afastamento temporal: uso excesivo de referencias ó pasado ou a un futuro hipotético: "¿Lémbraste do que pasou...?".
- Non recoñecer que parte de responsabilidade correspóndeche nun conflito: ninguén é responsable ó 100% nun conflito interpersoal, sempre concorren nunha porcentaxe todos os membros implicados e unha serie de circunstancias que crean ou manteñen o conflito.
- Adiviñar o pensamento: supoñer o que ó outro/a/a vai dicir ou sente.
- Falar negativamente: expresar con frecuencia comentarios e opinións negativas dos/as demais ou das situacións.
- Dar información redundante ou pouca información: repetir información xa coñecida ou dar menos da necesaria.
- Dar unha resposta cortante e/ou contraatacar: responder con insultos, malos modos ou expresións ofensivas e responder a unha queixa con outra.
- Déficit en recoñecer ou dar a razón ó outro/a/a: non ceder nas discusións, non admitir nin recoñecer o punto de vista dos/as demais.
- Discurso excesivamente emocional: exceso de conduta emocional durante a fala.
- Desviar o tema e/ou evitar os temas de conversación: introducir temas na conversa que impiden afondar na conflito e considerar algúns como tabú.
- Xeneralizacións excesivas: referirse a feitos e comportamentos que ocorren de vez en cando como se ocorreran continuamente.
- Afirmacións radicais ou dogmáticas: ser categórico/a nas afirmacións empregando expresións do tipo "todo ou nada" ou "branco ou negro".
- Criticar á persoa en vez da conduta: en vez de dicir "es un vago/a" convén dicir "non fixeches os deberes e tampouco a cama".
- Interromper: intervir cando o outro/a/a está a falar sen respectar o turno de palabra.
- Transmitir desesperanza na comunicación: "non ei que vou facer,.. non hai maneira, vouche deixar por imposible".
A comunicación eficaz:
- Dispoñer de tempo: contar co tempo suficiente para non ir con presas, parase a pensar, analizar e reflexionar,... En definitiva, tempo para querernos, para dedicarnos a facernos a vida máis agradable a nós mesmos a ós nosos seres queridos, para demostrar e compartir o noso afecto e amor. Outro elemento importantísimo na comunicación é a paciencia.
-
Conecta co teu fillo/a: que intentes empatizar con el/a, é dicir, porte no seu lugar para entender o seu punto de vista e para saber cales son as súas necesidades. Non é unha tarefa fácil, xa que para isto necesitarás tempo para prestar atención, escoitar e observar que é o que o teu fillo/a reclama e que é o que espera de ti.
Hai que ter presente que pode ser contraproducente abalanzarse a dar solucións e consellos cando o axeitado sería mostrases que comprendes os seus sentimentos. No caso de que o teu fillo/a o solicite ofrécelle o teu consello. Hai que ser sensible ás sinais, é a maneira de saber que espera o teu fillo/a de ti.
-
Dálle sinais de escoita: saber escoitar é tan importante como falar. A escoita é unha habilidade que require atención a práctica. A escoita acércanos, permítenos recoller información, entender os nosos fillos/as e polo tanto, ser máis comprensivos. Escoita significa moito máis que recoller datos cos oídos.
A escoita activa e empática permite unha comunicación autentica: centra toda a túa atención e manifesta interese, sé consciente en cada momento da importancia que entraña para ti e o teu fillo/a sentirse escoitado/a. Céntrate en sentirte interesado/a polo teu fillo/a, por todo aquilo que fai, di e sente e ponllo de manifesto. Faille preguntas específicas, que lle permitan explicar o seu punto de vista e reflexionar sobre este.
-
A expresión de sentimentos: comprender os sentimentos que se esconden tras unha mensaxe e ser capaz de reflectilos é moi importante. Unha forma fácil de empezar a expresar os teus sentimentos é modificar a túa forma de falar: no lugar de comezar as frases son "eu penso", "eu creo, tenta comezalas con”eu sinto": "creo que estás molesto polo que fixen",...
Acepta os sentimentos, emocións e pensamentos do teu fillo/a. Recoñece que captaches os seus motivos ou sentimentos que lle moven a actuar dun xeito determinado ou a sentirse como se sente. Isto non implica que teñas que darlle a razón, pero facilitarás o acercamento.
- Non interrompas o teu fillo/a cando esta falando: senón queres que o teu fillo/a che interrompa cando estas a falara comeza a escoitalo/a ti primeiro, todos/as nos gusta que nos escoiten. As interrupcións poden formar do teu estilo de comunicación, pero normalmente son interpretadas como falta de respectos, desacordo ou desintereses.
- Pregunta de xeito axeitado: non interrogues: as preguntas formúlanse non só para obter información senón tamén para obter apoio, negociar e tomar decisións. Sen embargo, preguntar pode dar a malentendidos se a outra perosa as considera como un interrogatorio, recorda que a intimidade dos teus fillos/as é moi importante, sobre todo a certas idades, como a adolescencia.
- Se diplomático/a e respectuoso/a: mostra respecto nos teus comentarios, non todas persoas temos a mesma sensibilidade e o que a ti pode non molestarche, pode irritar o teu fillo/a. As diferenzas de trato fanse evidente cando nos relacionamos con persoas fóra da familia.
- Elixe momento oportuno: estate atento/a as sinais que che indiquen que é o momento oportuno por que en ocasións non temos en conta a capacidade de escoita do outro/a ou se é un bo momento para manter unha conversa. Estate atento ás sinais que o indiquen e se estas non se dan, deberás ser capaz de xerar situacións axeitadas interesándote por iniciar a conversa.
- Pensa ben e acertaras: non interpretes negativamente as condutas no teu fillo/a, non te deixes levar polas primeiras impresións. O teu estado emocional é froito da túa particular maneira de pensar, vincula as túas reaccións emocionais ós pensamentos automáticos que as xeran e recorda que as interpretacións dos feitos son as que determinan as emocións que estas espertan en ti.
- Compartir: os ritos familiares poden mellorar calquera clase de relación, son costumes establecidas, máis u menos formais, que se repiten habitualmente, permitíndonos compartir unha actividade nun tempo e un lugar establecidos. Adquiren un valor especial, poden chegar sinais de identidade, ó converterse nun punto de encontro familiar, a conexión facilita emocións vivenciais con nosos seres máis queridos.