Menstruación
¿Qué é?
A menstruación, tamén chamada regra ou período é produto do crecemento e do desenvolvemento. A primeira menstruación (menarquía) responde a cambios fisiolóxicos propios do crecemento e marca o comezo da etapa fértil, na que a muller pode quedarse embrazada. Esta etapa fértil durará ata que a menstruación se retire (menopausa) ó redor dos cincuenta anos, aproximadamente.
A menstruación comeza en tódalas mulleres nalgún momento da puberdade e consiste no sangrado que cada mes, aproximadamente, flúe desde o útero, a través da pequena abertura do pescozo uterino e sae do corpo a través da vaxina. A sangue menstrual é en parte sangue e en parte tecido do interior do útero (endometrio).
A chegada da menstruación é un sinal de que a muller está sá e de que todo está a funcionar como debería, por iso algunhas familias a celebran.
O ciclo menstrual
O ciclo menstrual é o proceso cíclico, que se repite cada mes, a través do cal o corpo das mulleres prepárase mensualmente para un posible embarazo.
Cada ciclo comeza o primeiro día que che vén a regra e dura até o comezo da seguinte regra, aproximadamente 28 días (con todo, un ciclo pode durar entre 23 e 35 días). Podemos establecer unha duración media do sangrado de tres a cinco días, é dicir, se duran aproximadamente o mesmo cada vez.
A maioría das mozas marcan no calendario o día dos seus períodos, así teñen un rexistro para ir coñecendo os seus ciclos menstruais e dispoñen de información por se nalgún momento a necesitan: para calcular a próxima, para saber se está a ter ciclos regulares, por se teñen que consultar algo relacionado coa súa saúde, etc.
O proceso da menstruación
Durante a puberdade os óvulos que a muller alberga nos seus ovarios comezan a madurar. A partires dese momento, cada mes, un ovario liberará un óvulo maduro (ovulación). Este óvulo viaxará até o útero polas trompas de Falopio. Atopámonos entón con dúas posibilidades:
O óvulo é fecundado:
Se neste tránsito polas trompas o óvulo únese cun espermatozoide (células sexuais masculinas) produciuse a fertilización. O óvulo fecundado baixará até o útero no que se implantará adheríndose a un revestimento que se xerou nas paredes do útero (endometrio) para acoller ó óvulo fecundado. A partir deste momento comezará o embarazo que dará lugar a un novo ser. Durante os nove meses do embarazo os ovarios non liberarán máis óvulos e por tanto non terá lugar o ciclo menstrual. Por isto mesmo, o primeiro síntoma para unha muller de que posiblemente estea embarazada é que non lle baixe a regra cando debería ocorrer.
O óvulo non é fecundado:
Se o óvulo non se une a un espermatozoide descomponse e mestúrase co sangue e outros tecidos que forman o revestimento do útero. Este fluído sae do útero, atravesa a vaxina e abandona o corpo. O óvulo e o revestimento do útero non foron utilizados para producir e albergar un embarazo, por tanto, o corpo despréndese deles. Ao próximo mes comeza de novo o mesmo proceso.
Algunhas dúbidas
¿A que idade se ten a primeira menstruación?, ¿que cantidade de fluxo é normal?, ¿canto soe durar a regra?, ...
Como todas as mulleres somos diferentes, tamén os períodos e os ciclos o son: a idade da primeira menstruación, a frecuencia, a cantidade de fluxo, a duración... non son iguais para todas as mulleres, nin tampouco todas a s regras son iguais para unha mesma muller. Trátase de ir coñecendo o teu propio ciclo.
Como as persoas crecemos e desenvolvémonos a ritmos diversos, cada moza ten a súa primeira regra no momento no que alcanza o desenvolvemento necesario para iso. Isto adoita suceder xeralmente entre os once e os catorce anos, aínda que moitas persoas coñecemos a mozas ás que lles ocorreu antes e outras ás que lles ocorreu despois.
¿Que é síndrome premenstrual?
Algunhas rapazas, durante a regra en os días previos, senten sensibilidade nos peitos, sensación de tensión e inflamacións o abdome, cólicos, malestar en xeral,... Outras mozas non senten ningún tipo de molestia. é cuestión de prestar atención Ó teu propio corpo para coñecer cales son os teus cambios. Coñecer o teu ciclo pode axudarche a saber aliviar as posibles molestias.
Aquí che deixamos algunhas ideas para aliviar estas posibles molestias:
- O exercicio regular e unha axeitada alimentación, axúdanche a estar ben física e emocionalmente, e polo tanto a previr a dor.
- Beber auga en abundancia, alimentarte cunha dieta sá, evitar bebidas excitantes, con gas, o alcol... axuda a protexer contra as dores menstruais.
- Podes colocarche unha almofada térmica nas túas costas ou abdome se sentes dor, ou panos quentes.
- As relación sexuais con unha mesma ou outras persoas axudan a diminuír as molestias xa que as contraccións que experimenta o útero durante o orgasmo, axudan a que se desprenda o endometrio (do mesmo xeito que ocorre cos cólicos), polo que seguidas da relaxación que se produce na vaxina, son un excelente e pracenteiro recurso.
- Hai infusións e produtos naturais que tamén son unha posibilidade, lembra sempre consultar con profesionais da área.
- En casos de moito dor, hai medicamentos específicos para as dores menstruais. Lembra , non te automediques, nin tomes as pastillas dunha amiga. Consulta con persoas especialistas da saúde.
- Tamén podes aproveitar estes días, se tes molestias ou dores, para descansar, tomarte intres para ti, coidarte e consentirte: porte ben cómoda, toma un baño relaxante... ¡e, aínda que non tiveses molestias, eses días poden ser un bo momento para coidarte e quererte.
¿Que facer co fluxo menstrual?:
Hai varios métodos para recoller o fluxo menstrual. Cada muller ten as súas preferencias. Trátase de atopar o que che faga sentir máis cómoda.
As compresas e tampóns son os máis coñecidos.
O mooncup ou o keeper poden ser unha alternativa ó uso de compresas e tampóns, ecolóxica (reutilizables), saudable (non se lles asociou a síndrome do shock tóxico) e económica (poden durar até dez anos se os coidas).
Mitos e falsas crenzas
A pesar de que a menstruación é un proceso natural e signo de saúde e desenvolvemento adecuado, socialmente existiron moitos mitos e falsas crenzas ó redor dela, o que influíu notablemente en como vivimos as mulleres este feito biolóxico natural. Convértese nun tabú máis, rodeado de sixilo e vergoña, sen que existan motivos reais para elo.
É por isto, que unha das principais preocupacións das mozas cando teñen as súas primeiras menstruacións é se as demais persoas o van a notar. Esta idea vese reforzada coa publicidade ("ninguén o notará"), coma se houbese que esconder que se está menstruando. Así, o comprar compresas, tampóns, etc. as primeiras veces, é enfrontarse a pensamentos talles como «todo o mundo me mira», «que pensarán...».
Así soemos oír cousas tales coma: "As mulleres cando teñen a regra non poden facer maionesa, nin entrar en adegas porque se estraga o viño, nin lavarse a cabeza..." Son moitas ideas que se manteñen na cultura popular sen respaldo científico algún, pero que inflúen na nosa vida.
Tamén durante tempo foi valorada como «sucia» «impura», sendo un tabú máis, o que dificultou a información e que se viva con naturalidade. A menstruación non é nada sucio, esta composta de sangue e tecidos como a maioría do noso corpo.
É estendida tamén a crenza de que non se deben manter relación sexuais con penetración durante a menstruación. Non hai ningún motivo relacionado coa saúde que avale esta afirmación, dependería máis ben das circunstancias e valoracións de quen vaian mantelas: se teñen ganas e non lles supón ningún tipo de problema, ¿por que non?. Ademais as relacións sexuais contribúen a aliviar as molestias que poidan darse durante a menstruación.
A menstruación é un signo de saúde, non sinónimo de enfermidade. Non é unha enfermidade, todo o contrario. A linguaxe contribúe a que a vivamos dunha maneira bastante negativa: "estou mala" , é unha expresión moi común.
A mensaxe que socialmente segue vixente é que chegada da menstruación, fai que as nenas se convertan en mulleres. Ante isto cabería preguntarse, ¿como se fai unha muller?. Seguramente esta expresión referirase a que a partir da súa aparición ábrese a opción á maternidade, e tamén a que é un indicador de crecemento, pero non debemos esquecer que pode aparecer a idades moi diversas.
Todo se fai máis fácil cando te dás conta de que o teu período é só un aspecto saudable da túa natureza, do feito de ser muller.