Interrupción Voluntaria do Embarazo
O aborto supón a interrupción do embarazo. Esta interrupción pode ser espontánea ou provocada. A interrupción espontánea débese a problemas ou dificultades durante a xestación.
A INTERRUPCIÓN VOLUNTARIA DO EMBRAZADO, ou tamén chamado aborto provocado, prodúcese cando unha muller ou parella decide pór termo ó seu embarazo.
Pódese practicar de dúas formas:
- CIRÚRXICA:
A interrupción do embarazo levase a cabo mediante unha breve operación cirúrxica que implica utilizar anestesia local ou xeral, polo que a paciente debe permanecer en xaxún. En xeral, nos centros autorizados lévanse a cabo os seguintes pasos:
- Realízase unha ecografía para verificar o embarazo e o tempo de xestación.
- Practícase unha análise de sangue completo.
- Realízase unha entrevista cun/a profesional de Saúde Mental para verificar a cal dos tres supostos da lei acollerase o devandito aborto.
- Un/a profesional médica fai a historia clínica e informa os pasos hixiénicos-sanitarios a seguir unha vez practicada a interrupción.
- Realízase a intervención que dura menos de 10 minutos, xa sexa con anestesia local ou xeral.
- FARMACOLÓXICA:
Nestes casos realízase a IVE sen necesidade de operación, a través da inxesta da pastilla RU-486 (non confundila coa pílula poscoital) e sempre antes da oitava semana. Este método legalizouse en España en febreiro de 1999. O medicamento adminístrase no Centro ou Hospital autorizado para elo, sempre diante do persoal facultativo e en dúas tomas con 48h de diferenza.
Nalgúns casos non sempre se pode acceder o método farmacolóxico:
- Cando sexa unha muller maior de 35 anos que fume de dez a quince cigarros ó día.
- Que teña máis de sete semanas de xestación.
¿En que condicións podo abortar?:
Dende 1985 no noso país existía unha lexislación ó respecto, que se mudou o día 17 de decembro de 2009. Neste Proxecto de Lei Orgánica de Saúde Sexual e Interrupción Voluntaria do Embarazo incorpóranse medidas no ámbito social sanitario e educativo para garantir os dereitos de saúde sexual e reprodutiva e para previr os embarazos non desexados. A IVE garantirase dentro da carteira de servizos do Sistema Nacional de Saúde, sendo así, unha prestación pública a gratuíta (o Estado velará polo cumprimento a través da Alta Inspección Sanitaria).
Este proxecto sitúa nos 16 anos a maioría de idade para decidir. As mozas de 16 e 17 anos terán que informar ós seus pais/nais da súa decisión de abortar, excepto nos casos nos que poida suporlles "violencia intrafamiliar, ameazas, coaccións ou malos tratos".
Prazos e supostos:
- Ata a semana 14 de xestación, a muller poderá interromper libremente o embarazo, sempre que, como mínimo tres días antes da mesma, recibira información sobre os seus dereitos e sobre as axudas das que pode dispoñer para a maternidade, se fora esa a súa decisión. Así, garantírase ás mulleres a posibilidade de tomar unha decisión libre e informada.
- De maneira excepcional ata a semana 22 a muller poderá interromper o embarazo só en dous supostos: se estivera en risco a vida ou a saúde da embarazada ou se houbera graves anomalías no feto. En ámbolos dous casos, deberá acompañar un ditame médico de dous/as especialistas distintos/as ós/ás que practican a intervención.
- A partires da semana 22 só un comité clínico pluridisciplinar poderá autorizar a petición da embarazada cando se detecten anomalías fetais incompatibles ca vida ou enfermidade grave e incurable.
Tamén se expón a modificación da Lei de Autonomía do Doente para equiparar a IVE ó resto das prestación sanitarias, onde a maioría de idade para decidir sitúase nos dezaseis anos, para así evitar intervencións clandestinas.
Ademais regúlase a obxección de conciencia dos médicos/as, nun intento de mellorar a calidade asistencial da práctica do aborto en todo o Sistema Nacional de Saúde. E a formación sexual formará parte da educación xeral dos/as escolares e os/as profesionais sanitarios, que estudarán na Universidade a interrupción voluntaria do embarazo.
Sen pena de cárcere: Con esta nova lei ningunha muller poderá ser penada ca cárcere por interromper o embarazo, o que non quere dicir que as prácticas ilegais queden impunes.
A ter en conta:
Ante todo isto, debemos recordar:
- Un aborto é unha situación desafortunada e difícil para todas as persoas.
- É unha opción que se pode previr usando de forma adecuada métodos anticonceptivos seguros, ou a pílula poscoital en caso de emerxencia.
- Débese contactar cos recursos sociosanitarios canto antes. Cantas menos semanas de xestación transcorran máis sinxelo resulta todo. Non se debe eludir a situación, á primeira falta débese realizar un test de embarazo.
- É importante sentirse apoiada nunha situación tan difícil. Busca familiares, amizades, profesionais que che orienten,...
- Por moi duro que che resulte dicirllo á túa familia (lembra que a maior parte dos pais/nais queren o suficiente ás súas fillas e fillos como para, aínda co enfado e a confusión lóxica do primeiro momento, aceptar a situación e apoialo/as.
- Se non te sentes capaz de falalo cos teus pais, podes recorrer a profesionais da saúde, ao teu médico de cabeceira,.. e acudir á consulta coa túa familia á hora de comunicarllo para que axuden nese intre.
- Os rapaces teñen moito que facer axudando a tomar decisións, respectando, apoiando e compartindo a decisión tomada.