Embarazo non Desexado
¿Como e cando me podo quedar embrazada?
¿COMO?:
Durante unha relación sexual na que se practique un coito vaxinal (introdución do pene na vaxina) sen utilizar adecuadamente un método anticonceptivo.
Realizando a «marcha atrás» ou «coitus interruptus», xa que o líquido preseminal (líquido que sae do pene antes da exaculación) contén espermatozoides.
Realizando prácticas de masturbación preto da abertura vaxinal, xa que existe posibilidade de que o seme se introduza na vaxina.
¿CANDO?:
CALQUERA DÍA DO MES no que se manteña unha relación. Aínda que SEXA UNHA SOA RELACIÓN con penetración sen utilizar un método anticonceptivo ou utilizalo de forma incorrecta.
En teoría, se unha moza soubese exactamente cando está ovulando (momento NO que o óvulo pode ser fecundado por un espermatozoide), podería non ter relacións sexuais eses días e evitar o embarazo. Pero iso é case imposible.
Mesmo durante a regra, unha muller pode estar ovulando. Por tanto, é importante que sempre, en todas as relacións sexuais con penetración, independentemente do momento do mes, empregues algún método anticonceptivo.
¿Cal é o mellor método anticonceptivo?
Non hai un método idóneo. Cada persoa e cada parella debe elixir o método anticonceptivo máis adecuado en función das súas necesidades, preferencias, idade, etc. Con calquera método anticonceptivo debes asegurarte da súa correcta utilización.
Excepto o preservativo, todos os demais MÉTODOS DEBEN SER EMPREGADOS BAIXO SUPERVISIÓN PROFESIONAL.
Algúns dos ERROS MÁIS FRECUENTES no uso de métodos anticonceptivos soen ser:
- En canto ao preservativo: Non ter en conta as instrucións de uso ou non colocalo dendeop primeiro momento da penetración.
- En canto á pílula anticonceptiva: se tomas a pílula e tes algún esquecemento pode haber risco de embarazo. Nese caso debes usar preservativo.
Ante calquera dúbida sobre se empregaches incorrectamente un método acode ós servizos especializados ou ó teu médico/a de familia.
¿Como saber se estou embrazada?
Se non che ven a regra, ou se manchas moi pouco en comparación co acostumado, e pensas que existe a posibilidade de que esteas embarazada, sal de dúbidas e faite unha proba.
Test de embarazo: pódelo facer no teu médico/a de familia, nos Centros de Planificación Familiar ou comprando un test na farmacia. É aconsellable realizalo, polo menos, dez días despois da primeira falta da regra para que o resultado sexa fiable.
E, ¿se me quedei embarazada?
Se xa confirmaches o embarazo, tes que decidir se queres levalo a termo ou non. É importante que compartas este momento con persoas que che entendan e poidan axudarche. Permítelles demostrarche o seu apoio. Pensa en que persoas como o teu pai/nai, a túa parella, os/as teus irmás, as persoas amigas , etc.... poden escoitarche e axudarche a buscar posibles solucións.
Trátase do teu corpo, da túa vida e é a túa decisión. Debes decidir baseándoche na túa situación e circunstancias persoais.
Debes pedir axuda canto antes e tomar unha decisión. Aínda que debe ser unha decisión meditada, non deixes pasar moito tempo, tanto se decides seguir adiante co embarazo coma se decides interrompelo.
SE DECIDES SEGUIR ADIANTE CO EMBARAZO...
A maternidade ou paternidade é unha elección. Pon todo o que estea na túa man para afrontar este importante cambio: realiza un bo seguimento do embarazo (debes acudir ó teu centro de saúde para que dende o comezo realices un control axeitado) , fai preparación parto, educación maternal, busca información sobre o coidado de recentemente nado, etc.
SE DECIDES INTERROMPELO...
Aínda que non debes tomar decisións precipitadas, é necesario que o decidas pronto, xa que se debe realizar antes das 12 semanas.
A Interrupción Voluntaria do Embrazo (IVE) non debe realizarse xamais con métodos non médicos, nin con exercicios violentos, nin inxestión de beberaxes, etc.
Ademais de non ser seguros, poden pór en perigo a túa vida. Tampouco deben practicarse en centros que non estean homologados para a súa realización. Se es menor de idade, necesitarás o consentimento dos teus pais. É importante que te informes correctamente sobre o IVE.